Veracruz, templo da
Igrexa situada no Carballiño. Proxectada por Antonio Palacios de xeito gratuíto e financiada por subscrición popular, a súa construción iniciouse en 1943. Mesturou diferentes estilos arquitectónicos e escultóricos e concibiuse como unha grande igrexa de peregrinación medieval con xirola e capelas radiais, na que harmonizaban formas e elementos de estilos aparentemente opostos, como o románico (arcos) e o gótico (vidreiras, rosetóns). Destaca o xogo de volumes nas capelas, nas naves, na xirola e no cruceiro, sobre os que resalta a torre campanario. Os remates ameados conferíronlle un aspecto de fortaleza. Na construción dos muros empregouse cachotaría, e reservou a cantaría granítica para as esquinas e os contrafortes. Rematouse en 1957, aínda que dous anos despois continuouse con algunhas modificacións non previstas por Palacios.