Verdi, Giuseppe

Verdi, Giuseppe

Compositor italiano. Estudou en Milán con V. Lavigna. Levou á ópera italiana do romanticismo incipiente cara ao verismo dos seus sucesores. Foi director da banda municipal de Bussetto (1836-1839) e puido estrear a ópera Oberto, conti di San Bonifacio (1839) na Scala de Milán, pero fracasou coa ópera cómica Un giorno di regno (1840). Recuperou, porén, o seu prestixio con Nabuco (1842), en que empregou o tema do cativerio xudeu en Babilonia como alusión á Italia do seu tempo; o público italiano viu na célebre pasaxe coral “Va pensiero” un auténtico manifesto nacionalista. Converteuse así na principal figura musical do Risorgimento e, daquela, nun símbolo político, “Viva Verdi”, empregando as letras do seu apelido, convertíase en “Viva Vittorio Emanuele, Re D’Italia”. Obtivo novos éxitos con I Lombardi (1843), Ernani (1844), I due Foscari (1844), Giovanna d’Arco (1845), Alzira (1845) e Attila (1846), dramas románticos en que non se afastou sensiblemente dos modelos establecidos por Rossini, Bellini e Donizetti. Logo dunha serie de óperas pouco exitosas, comezou a súa evolución cara a un estilo máis rico en recursos orquestrais e baseado en dramas que tendían ao realismo, como Rigoletto (1851), Il Trovatore (1853) e La Traviata (1853). Con Un ballo in maschera creou unha ópera que comportaba un novo paso adiante cara á integración de drama e música. A creación fíxose máis laboriosa e as súas óperas espaciáronse moito máis, como aconteceu en La forza del destino (1862), Don Carlos (1867) e Aïda (1871). En 1873 escribiu un Réquiem e o seu Cuarteto para corda, únicas obras non escénicas coñecidas. Escribiu tamén un Otello, con libreto de Boito, que renovaba a ópera italiana sen imitar a Wagner. O éxito obtido (1887) animouno a escribir aínda unha ópera baseada en Shakespeare, tamén co texto de Boito, titulada Falstaff (1893).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Roncole, preto de Bussetto, Parma

  • Deceso

    Lugar : Milán