Verdugo
Río da vertente atlántica. Nace en Pica Ferbeira, na converxencia da serra do Suído cos montes de Costoia, na parroquia da Barcia do Seixo (A Lama). O seu curso adopta unha dirección xeral NL-SO coa que atravesa as parroquias de Seixido e Antas, para despois servir de límite á parroquia e concello da Lama coa de Augasantas, do concello de Cotobade, e a seguir, nunha breve viraxe de dirección N-S, coa de Ponte Caldelas, no concello homónimo. Recuperada a dirección NL-SO, continúa o seu curso no concello de Ponte Caldelas, delimitando a parroquia de Ponte Caldelas coas de Caritel e A Insua, e esta última coa de Taboadelo. O seu curso baixo discorre pola parroquia de Soutomaior, no concello homónimo, onde, no lugar do Sobral, conflúe co Oitavén. Desde alí, ata a súa desembocadura, flúe en dirección L-O. Desemboca na ría de Vigo, entre Ponte Sampaio (Pontevedra) e Arcade (Soutomaior), tras percorrer un curso de 30 km. Achega un caudal medio de 9 m3/s.