Verín, comarca de
Comarca de tipo rural situada ao SL da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Ourense. Limita ao N coas comarcas da Terra de Caldelas (concello de Montederramo), a Terra de Trives (Chandrexa de Queixa) e Viana (Vilariño de Conso); ao L coa de Viana (Vilariño de Conso e A Gudiña) e Portugal; ao S con Portugal e ao O coa Limia (Baltar, Transmirás, Sarreaus e Vilar de Barrio). Abrangue unha superficie de 1.007,1 km2, cunha poboación de 28.741 h (2001), distribuída nos concellos de Castrelo do Val (122 km2; 1.284 h [2001]); Cualedro (117,6 km2; 2.391 h [2001]); Laza (215,9 km2; 1.904 h [2001]); Monterrei (119,1 km2; 3.314h [2001]); Oímbra (71,9 km2; 1.996 h [2001]); Riós (114,4 km2; 2.132 h [2001]); Verín (94,1 km2; 12.917 h [2001]) e Vilardevós (152,1 km2; 2.803 h [2001]). A vila de Verín é o centro dunha extensa área funcional, que inclúe ademais dos concellos da comarca outros próximos.
Xeografía física
Na comarca verinesa predominan os granitos nas montañas do O e o N, as lousas no L, e, nas terras baixas da depresión de Verín, os sedimentos a partir da acción de acumulación de materiais por parte do río Támega, en que aparecen abundantes fenómenos de modelado fluvial (socalcos). Hai catro unidades de relevo. Ao O atópanse os contrafortes da serra de Larouco, prolongados cara ao N nas Estivadas (849 m). Trátase dunha aliñación montañosa de dirección S-N, con cotas próximas aos 800-1.000 m de altitude, que separan as depresións de Verín e da Limia. Cara ao N están os contrafortes do macizo central ourensán; son os derramos meridionais das serras de San Mamede e montes do Invernadoiro, con altitudes comprendidas entre os 1.000-1.500 m, onde destacan serras como a do Fial das Corzas. Ao L da comarca dispóñense os contrafortes meridionais da serra do Fial das Corzas, que nas proximidades do alto de Fumaces se ramifica en pequenas aliñacións montañosas (entre as que sobresae a serra das Penas Libres, no L de Vilardevós) mudando a dirección N-S pola de NO-SL. Estas montañas contan con altitudes entre os 800 e os 1.100 m. A cuarta unidade estrutural é a depresión de Verín, unha franxa de terreo próxima ao curso do Támega que se corresponde cun bloque afundido e delimitado por senllas escarpas de falla de dirección N-S, e que se pode subdividir en tres franxas paralelas: unha central chá e de altitudes comprendidas entre os 300 e 400, de materiais basicamente sedimentarios, e dúas franxas polo L e O que son relevos en cuesta, non sedimentarios, que marcan a transición coas montañas periféricas á depresión e con altitudes comprendidas entre os 400 e os 700 m, que se caracterizan por un relevo máis animado, froito da incisión dos tributarios do Támega que dan lugar á alternancia de vales e interfluvios. A rede hidrográfica pertence á conca do Támega, na bacía do Douro, agás o extremo N e as terras orientais de Riós e Vilardevós. A primeira correspóndese cos tramos altos do río Queixa, tributario do Navea, que nace aos pés das serras de San Mamede e do Fial das Corzas, e do curso alto do Camba, que nace no Fial das Corzas bañando a metade oriental de Castrelo do Val. A segunda coincide cos cursos altos dos afluentes da beira dereita do río Mente, ríos de modesto caudal e de orientación NO-SL, entre os que destacan ademais do Mente, o Arzoá, o Regosende e o Terroso. O Támega, tras un percorrido inicial encaixado entre montañas nas terras de Laza e Castrelo do Val, ábrese á depresión pouco antes de entrar no concello de Verín regando ademais os concellos de Monterrei e Oímbra, e internándose en Portugal á altura de Feces de Abaixo (Verín), seguindo dirección predominante N-S. A este río van parar pola esquerda o Portos, o Trez, o Collas, o Ribas, o Servoi, o Gondulfes, o Ábedes e o Fornos, e pola dereita o Baldriz, Souteliño e Búbal. Na configuración climática da comarca inflúe o relevo. Existe unha clara contraposición entre o sector central, de clima relativamente seco e de veráns cálidos (as precipitacións anuais son da orde de 693 mm, a temperatura media anual de 12,9°C, 20,4°C para o mes máis cálido e 5,2°C para o máis frío), e as áreas montañosas periféricas, máis húmidas e de temperaturas moito máis frescas (1.810 mm de precipitación anual, 9,1°C de temperatura media anual, 16,3°C para o mes máis cálido e 2,6°C para o máis frío). O resultado é a contraposición entre un dominio climático oceánico continental na depresión de Verín e oceánico de montaña na periferia da comarca. A vexetación natural segue esta contraposición. Na primeira área abundan as especies mediterráneas (sobreiras, aciñeiras) xunto a unha notable vexetación nas marxes dos ríos (chopos, amieiros, salgueiros). Nas montañas abundan as masas de cerquiños e castiñeiros, sobre todo na media ladeira, e os bidueiros nas áreas máis protexidas, o mato (piornais, xesteiras, carqueixas) e os pasteiros naturais son as formas vexetais predominantes. A acción antrópica deixou unha intensa pegada, primeiro a partir das roturacións que minguaron os bosques clímax, e logo a partir de repoboacións de piñeiros nas áreas máis accidentadas e mediante lumes recorrentes.
Xeografía humana
A poboación da comarca de Verín caracterízase por unha evolución en que é visible o contraste entre os dous primeiros terzos do s XX, caracterizados por un moderado crecemento, e o resto da centuria, en que perdeu efectivos demográficos. Pasou de 31.719 h (1900) a 28.741 h (2001), o que repercutiu nun decrecemento global de -9,39%. Acadou o máximo secular en 1960 con 43.285 h. Os factores que explican esta traxectoria son os propios dunha comarca agropecuaria cun grao de industrialización modesto. Tras unha primeira fase en que o dinamismo natural compensaba unha moderada emigración, o equilibrio rachouse na década de 1960, momento en que a forte emigración cara a Ourense, aos países europeos máis desenvolvidos e ás rexións españolas máis industrializadas, motivaron unha notable regresión da que aínda non se recuperou, agás a vila de Verín, que se beneficiou da recepción de emigrantes retornados e recolleu parte do éxodo rural que afectou aos concellos próximos. Entre 1900 e 1910 viviu un momento de forte crecemento (0,79% interanual), grazas á que a natalidade compensaba a puxante emigración ultramariña. Entre 1910 e 1920 a poboación viviu un estancamento (0,08% interanual). Entre 1920 e 1950 abriuse un novo momento de expansión demográfica (0,83% interanual), en que tivo moito que ver a crise económica internacional, a Guerra Civil ou a Segunda Guerra Mundial, o que supuxo unha interrupción dos movementos migratorios, con evidentes pegadas nas positivas variacións intercensuais destes anos. A década de 1950 foi de estancamento (0,05% interanual), ao reactivarse as emigracións ultramariñas. De 1960 a 1981 viviuse un momento de forte éxodo rural (-0,74%), dirixido a rexións como Catalunya e Euskadi, pero tamén a Alemaña, Suíza e Francia. Entre 1981 e 1991 intensificouse o éxodo da poboación rural (-2,19% interanual), que se dirixiu preferentemente á cidade de Ourense, aínda que nestes anos interveu un novo componente: o avellentamento demográfico que tornou a dinámica vexetativa en negativa pola incidencia da notable elevación da mortalidade. Entre 1991 e 2001 houbo unha relativa mellora da situación demográfica comarcal (-0,02% interanual), froito da práctica desaparición dos movementos emigratorios, a recepción dun número apreciable de retornados da migración, e a capacidade de crecemento que amosou nestes anos a vila de Verín. Por concellos, os máximos incrementos durante o s XX corresponderon a Verín, que creceu ao longo do século pasado un 160%. O resto dos concellos perderon poboación de xeito alarmante, en especial os situados nas áreas máis montañosas: Castrelo do Val un -56,84%, Cualedro un -22,80%, Laza un -56,78%, Monterrei un -14,88%, Oímbra un -22,15%, Riós un -45,97% e Vilardevos un -40,30%. Por idades trátase dunha comarca xa avellentada, onde os menores de 15 anos supoñen o 22,7% (2004) da poboación, fronte ao 30,3% dos maiores de 65. Por concellos a situación varía unicamente no grao de avellentamento, mínimo no caso de Verín e moi elevado nos demais municipios. Por sexos predominan as mulleres sobre os homes, sumando as primeiras o 54,2% da poboación.
Xeografía económica
O sector primario posúe unha relevancia moi inferior a décadas pasadas, e no conxunto comarcal ocupa o 10,9% da man de obra. Repártese de xeito desigual; é moi feble en Verín (4%) e Monterrei (9,7%); está nos niveis comarcais en Castrelo do Val (10,1%) e Oímbra (11,4%); e moi por enriba no resto da comarca: Cualedro (17,7%), Laza, (19,4%), Riós (32,8%) e Vilardevós (23,8%). Na agricultura a principal fonte de riqueza é a viticultura, amparada na Denominación de Orixe Monterrei. A superficie cultivada representa o 15,75% do territorio comarcal; obsérvase un maior aproveitamento agrario nas terras chás da depresión que na periferia montañosa. Acada moita relevancia en Verín (27,68%) e Oímbra (30,03%); nos concellos sitos nas áreas de transición entre a montaña e a depresión a superficie cultivada acada valores intermedios (Cualedro, 24,40%; Monterrei, 14,19% e Riós, 20,80%), mentres que son menores os rexistrados nos concellos da montaña (Castrelo do Val, 8,69%; Laza, 5,78%; e Vilardevós, 12,17%). Os principais cultivos son a pataca (22,74%), o viñedo (18,75%) e o centeo (16,80%). As superficies dedicadas aos prados acadan un 12,79%, asentada fundamentalmente en pobres pasteiros de montaña, e presentan as máximas superficies en Riós e Vilardevós (19,66% e 26,36%, respectivamente), valores intermedios en Laza (13,06%) e Oímbra (15,15%), e moi inferiores no resto do territorio comarcal (Castrelo do Val, 8,08%; Cualedro, 4,25%; Monterrei, 8,05% e Verín, 9,27%). As magnitudes do armentío bovino son modestas, cun total de 2.984 vacas (1997), preferentemente orientadas á produción de carne. O gando porcino está composto por 432 prazas reprodutoras e 2.946 de cebo, concentrándose o groso do armentío en Monterrei. A industria ten un papel modesto, pois apenas a sexta parte dos ocupados traballa no sector (15,3%); acada a máxima relevancia en Monterrei (22,5%), Oímbra (17,7%) e Vilardevós (18,8%); en valores próximos aos comarcais están Cualedro (13%) e Verín (15,16%); por último, cun grao de industrialización moi baixo sitúanse Castrelo do Val (11,9%), Laza (10,4%) e Riós (11%). A comarca conta con empresas no sector das bebidas, dos materiais de construción, do moble, da madeira, do metal e do téxtil, o principal sector. A construción acada uns valores destacados (17,8%), impulsada pola actividade edificatoria da vila de Verín. Os valores máis modestos corresponden a Riós (17,7%) e Verín (15,1%), e son moi superiores os que se rexistran no resto da comarca (Castrelo do Val, 25,7%; Cualedro, 21,5%; Laza, 23%; Monterrei, 20,4%; Oímbra, 21,7% e Vilardevós, 20,4 %). Os servizos son a principal actividade económica da comarca, pois representan o 56% da man de obra, concentrados especialmente na vila de Verín. É na capitalidade comarcal onde acadan a máxima relevancia (65,8%), seguida por Castrelo do Val (52,3%); no resto da comarca os valores son máis modestos (Cualedro, 47,8%; Laza, 47,2%; Monterrei, 47,4%; Oímbra, 49,2%; Riós, 38,5%; e Vilardevós, 37%). Os servizos localizados na comarca están concentrados en Verín, que conta con servizos especializados e compleméntase cun activo comercio e que se alimenta tamén da clientela procedente dos seus contornos e de Portugal. Da súa rede de comunicacións destacan a autovía A-52, entre Vigo e Benavente, e as estradas N-525, de Santiago de Compostela a Benavente, e a N-532, de Verín á fronteira portuguesa, ademais de estradas locais. A rede ferroviaria atravesa a comarca pola súa franxa setentrional coa liña A Coruña-Medina del Campo.
Historia
A historia da comarca de Verín estivo condicionada durante séculos polo poder da casa condal de Monterrei, que administraba case a totalidade das xurisdicións en que estivo repartida durante o Antigo Réxime, e pola súa situación limítrofe con Portugal, que a deixaba aberta a constantes incursións lusas. Como consecuencia viviu unha historia axitada, en especial en momentos de enfrontamento entre as coroas de Castela e Portugal, ao longo da Baixa Idade Media, e xa entre os dous veciños ibéricos a partir do s XVI, en especial durante a Guerra de Independencia de Portugal, no segundo terzo do s XVII. Un momento relevante para a comarca foi o Tratado de Límites de 1864, subscrito por España e Portugal, que rematou coas anomalías dos coutos mixtos e pobos promiscuos, espazos que escapaban á autoridade de cada Estado en virtude de certos privilexios e que, por mor deste tratado, foron repartidos entre os dous veciños. Atravesadas por varias vías romanas, desde o medievo as súas terras foron lugar de paso da ; Vía da Prata, que ía desde Castela cara a Santiago de Compostela. Coa reforma administrativa de 1835 naceron os actuais concellos.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio destacan o castro de Cabanca, en Castrelo do Val; o de Saceda e o da Xironda, en Cualedro; o de Laza, en Laza; ou o de Cabreiroá, en Verín. Tamén as igrexas de Santa Cruz de Gondulfes, Santiago de Campobecerros e San Salvador de Nocedo, en Castrelo do Val; San Salvador da Xironda, en Cualedro; San Xoán de Laza e San Pedro do Castro de Laza, en Laza; Santa María de Mixós en Monterrei; Santa María de Oímbra, Santa Baia de Bousés e Santa María das Neves das Chás, en Oímbra; Santa María de Riós en Riós; o convento dos Mercedarios e a igrexa de Santa María a Maior de Verín, en Verín; así como San Miguel de Vilardevós, San Xoán de Enxames, Santa María de Vilarello da Cota e a de San Bartolomeu de Berrande, en Vilardevós. No que respecta á arquitectura civil sobresaen o pazo dos Cuquejos, o hórreo de Lucenza, o forno comunal da Xironda, o muíño de San Millao e os petos de ánimas da Xironda e San Martiño, en Cualedro; o castelo de Monterrei, o pazo de Blanco-Raxoi e a casa dos Limia, en Monterrei; o pazo de Santa María de Oímbra en Oímbra; e a casa do Asistente ou o pazo de Acevedo, en Verín. Dentro do patrimonio natural integrouse no espazo natural do río Támega, declarado LIC (2001), dentro da proposta Rede Natura 2000. Tamén sobresae o Parque Natural do Invernadeiro, en Castrelo do Val. Celebra as festas de San Xoán,Santa Marta, a Asunción e o magosto, en Castrelo do Val; as do Carme, as da Asunción, a romaría do Larouco e o Entroido, en Cualedro; a representación dos danzantes Adán e Eva e o Auto do Sacrificio de Isaac, as de Santo Antonio, as festas de mouros e cristiáns e o Entroido, en Laza; as de Santa Ana, a da Virxe do Suceso, a de Santa Cruz e a das Neves, en Oímbra; as de San Cristovo, as de Riós e as de Fumaces, en Riós; as de Santo Antón, os Remedios e o Entroido, en Verín; ou a romaría das Portas Abertas en Vilardevós.