Vermello, Mar
Brazo do Océano Índico que se estende desde o estreito de Bāb al-Mandab ata a península do Sinaí, separando Asia de África, cunha profundidade de 2.600 m e unha extensión de 440.000 km2. Ao N, coa península do Sinaí, forma os golfos de ‘Aqaba e de Suez. Estruturalmente forma parte do gran sistema de fosas tectónicas do Rift Valley, que se estende por África Oriental ata o val do Xordán. Débelle o nome ás manchas vermellas que aparecen en certas épocas na superficie. Foi utilizada polos exipcios como camiño cara ás minas do Sinaí, polos romanos a través do Nilo e polas caravanas desde Alexandría cara a Oriente. O acceso quedou vedado aos europeos ata a conquista de Adén (1839) polos británicos e a abertura do canal de Suez (1869). A tradición bíblica situou alí o episodio do paso polo Mar Vermello, que atravesaron a pé e sen se mollar algunhas tribos israelitas guiadas por Moisés, a quen se atribuíu o poder de abrir as súas augas ao saír de Exipto (éxodo) e que se pecharon novamente tras o seu paso, engulindo os exércitos do faraón.