Vía Láctea
Faixa de feble luminosidade que envolve a esfera celeste e que está constituída por un número moi grande de estrelas que non son visibles individualmente a simple vista. En conxunto, é visible a simple vista nunha noite clara e afastada do resplandor das cidades. Propiamente, é o perfil da Galaxia, é dicir, a zona da Galaxia á que pertence o sistema solar, de máis elevada densidade de estrelas. É unha galaxia espiral, co núcleo situado na dirección da constelación de Saxitario. A Vía Láctea ten unha masa aproximada de 2·1014masas solares, contén aproximadamente 100 billóns de estrelas e ten un diámetro aproximado de 80.000 anos luz e un grosor máximo aproximado de 20.000 anos luz. O Sol está situado sobre o plano ecuatorial da Galaxia e a unha distancia de 27.000 anos luz do centro galáctico. Ao redor deste atópase o halo galáctico. A Galaxia conta con cinco brazos espirais. No terceiro, o de Orión, está o Sol, e xira ao redor dun eixe que pasa polo centro galáctico.