Viana, comarca de

Viana, comarca de

Comarca de tipo rural situada no SL da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Ourense. Limita ao N coas comarcas de Valdeorras (concellos do Bolo e da Veiga) e da Terra de Trives (Manzaneda e Chandrexa de Queixa), ao S con Portugal, ao L coa provincia de Zamora (concellos de Porto, Pías, Lubián e Hermisende) e ao O coa comarca de Verín (Laza, Castrelo do Val e Riós). Abrangue unha extensión de 746,3 km2 cunha poboación de 8.003 h (2001), distribuídas entre os concellos da Gudiña (171,4 km2 ; 1.682 h [2001]), A Mezquita (104,3 km2 ; 1.429 h [2001]), Viana do Bolo (270,4 km2 ; 3.893 h [2001]) e Vilariño de Conso (200,2 km2 ; 799 h [2001]). O centro comarcal é Viana do Bolo.
Xeografía física
A súa abrupta topografía e a elevada altitude dos relevos da serra de Queixa, no O, e de Pena Trevinca, no L, fan da comarca un espazo moi movido e con alternancia de vales e montañas. No N, nos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, o encaixamento da rede fluvial (o Bibei e os seus afluentes o Camba e o Conso) drena as superficies de erosión, situadas a 900, 1.300 e 1.500 m de altitude. Estas distribúense en chanzos como consecuencia de movementos tectónicos da oroxenia alpina, que modificaron os cursos fluviais, obrigándoos a atravesar áreas de material moi duro, formando verdadeiras gargantas e encaixándose ata acadar o nivel de base. Na parte máis occidental da comarca érguense a serra de Queixa e os montes do Invernadeiro, con altitudes comprendidas entre os 1.500 e os 1.700 m. Na Gudiña e na Mezquita existe un relevo menos abrupto, con menores pendentes, e unhas superficies achairadas que se elevan sobre os 900 e os 1.000 m de altitude, incididas levemente pola acción fluvial dos cursos do Túa, pertencentes á conca do Duero. A morfoloxía glaciaria é moi importante, tanto na serra de Queixa como en Pena Trevinca ou nos montes do Invernadeiro, con algúns vales en U, en artesa, circos, morenas ou depósitos de till. Existían linguas de xeo en Vilariño de Conso (glaciar de Mormentelos). Estas linguas de xeo chegaban aos 1.100 m de altitude, tal e como nos mostran os depósitos atopados entre os 1.200 e os 1.600 m. O glaciar do Cenza, no val de Chaguazoso presentaba unha maior lonxitude e espesor, o que se demostra na presenza de depósitos de till e morena. Tamén destacan os glaciares de Pradoalbar e Figueiró. Aínda hoxe existe certa actividade periglacial nas zonas máis elevadas, con formacións de pedreiras. O clima encádrase dentro do dominio oceánico de montaña, grazas á elevada altitude das terras do conxunto, aínda que con certos matices mediterráneos nos vales dos ríos Bibei e Camba. Os valores térmicos son bastante baixos, con 10,5°C na Gudiña, ou incluso menos na alta montaña (6°C), con invernos crus (2-3°C), ou incluso menos (0°C), e veráns moi frescos (15-16°C). As precipitacións son moi elevadas, con valores superiores a 1.500 e incluso a 2.000 mm, sendo nas partes máis elevadas en forma de neve no inverno. Nos vales do Bibei e do Camba, as temperaturas son máis elevadas, e as precipitacións diminúen, con trazos xa de mediterraneización. A pobreza xeral dos solos (protoranker e ranker pardo) limita a colonización da vexetación arbórea, de forma que predomina a matogueira. Nas ladeiras e cumios destacan especies herbáceas e arbustivas como as queirugas, carqueixas e vexetación de gándara en ambientes hidromorfos. A principal formación arbórea son os bosques de cerquiños, acompañados de carballos, bidueiros, castiñeiros e especies ripícolas, como salgueiros e ameneiros. No val do Bibei abundan as aciñeiras, rebolos e matogueiras de cistáceas. Existen tamén coníferas de repoboación, especialmente na Gudiña e na Mezquita.
Xeografía humana
A comarca de Viana tivo unha evolución recesiva durante a segunda metade do s XX. A principios de século, contaba con 16.002 h, o dobre dos efectivos existentes a comezos do s XXI. Esta poboación mantívose relativamente estancada ata os anos 1960 como consecuencia dun elevado crecemento vexetativo, pero tamén cun constante goteo emigratorio cara a América e a Europa: 15.892 h (1910), 15.856 h (1920), 15.258 h (1930), 15.809 h (1940), 15.546 h (1950) e 15.831 (1960). Tras unha leve recuperación desde 1930 ata 1960 como consecuencia da redución das saídas migratorias, todos os concellos comezaron a perder poboación como consecuencia do éxodo rural da posguerra, que aquí se atrasou ata 1960. Desde esta década, Viana perdeu a metade da súa poboación: 12.331 h (1970), 11.260 h (1981), 8.728 (1996) e 8.003 h (2001). Os concellos máis afectados foron Viana do Bolo (-56%) e Vilariño de Conso (-58%), mentres que os meridionais frearon as súas perdas polas mellores comunicacións coa vila de Verín e coa capital provincial. A estrutura demográfica mostra un acusado grao de avellentamento (2004) cunha porcentaxe de menores de 15 anos (8%) moi inferior á dos maiores de 65 (34,1%). Por sexos dominan levemente os homes (50,7%). A poboación aséntase nas áreas onde é posible o cultivo, esencialmente nos fondos de val, nas áreas máis chairas e nas ladeiras. Trátase de entidades concentradas, de tamaño variable, pero con escaso número de habitantes. A maior delas é a vila de Viana do Bolo, a capital comarcal, seguida da Gudiña.
Xeografía económica
As actividades relacionadas co campo perderon a súa primacía, non obstante, o sector primario aínda ocupa o 18% da poboación activa. O cultivo da vide só se dá nas ladeiras do val do Bibei e os viños destínanse ao consumo local. O total cultivado é de 109 ha en comparación coas máis de 500 que existían na década de 1960. O cultivo e recolección da castaña é salientable, dadas as amplas extensións de castiñeiros, pero as variables montañosas favorecen os usos non agrarios, dando paso a unha gandaría que destaca sobre o resto dos subsectores. O vacún de aptitude cárnica (4.563 cabezas en 1999) e o porcino (1.183) son os máis destacados, e, aínda que nunha clara recesión, o ovino e o caprino (1.310 cabezas) presenta un número de cabezas dos máis elevados de Galicia. O secundario (36,9% dos activos) desenvolveuse á par que o primario perdía posicións. A industria (33,5% dos empregos no secundario) está nun segundo plano, por debaixo da construción (66,5% dos empregos no secundario). A actividade fabril restrínxese a pequenos serradoiros e transformados metálicos, mentres que a minaría da lousa, anteriormente máis importante, apenas xera medio centenar de empregos. A produción hidroeléctrica aproveita unha numerosa rede de encoros como os das Portas ou da Cenza. No sector servizos non existe unha grande especialización, a pesar de que supón o 53,1% dos empregos. A maior parte dos traballadores pertencen aos servizos públicos e ao comercio. Viana do Bolo e A Gudiña cobren parcialmente as demandas de servizos. Viana do Bolo conta con servizos educativos e sanitarios, xa que a cabeceira xudicial lle foi retirada en 1965. Os transportes e a hostalaría desenvólvense de forma máis relevante na Gudiña, co paso da N-525 e a A-52.
Historia
Da época castrexa destacan os castros da Barxa e o do Pico Sacro (A Gudiña), os dolmens e castros de Pradoalbar, Sabuguido e Entrecinsa (Vilariño de Conso), o castro do Buraco do Amaro (Viana do Bolo) ou unha prancha de bronce labrada atopada en Viana do Bolo. Estas terras vinculáronse coa tribo dos bibalos e coa antiga cidade romana de Forum Bibalorum ata que, coa chegada dos romanos, quedaron baixo o goberno do convento xurídico Bracarense, sendo as terras do nordés administradas polo convento xurídico Astur. Desa época conservouse o castelo de Cerveira (Vilariño de Conso), antigo campamento militar romano. A historia da comarca de Viana estivo moi unida ás terras do interior do N de Portugal (Trás-os-Montes), así como ás castelás de Puebla de Sanabria, que lle transmitiron a súa cultura de vida pastoril aos seus habitantes. Durante a época medieval os territorios desta comarca estiveron baixo o señorío dos condes de Monterrei e dos de Lemos, dos Pimentel de Benavente e dos marqueses de Láncara. A vila da Vilavella (A Gudiña) foi cabeceira dunha xurisdición formada tamén por Cádavos, A Esculqueira, Manzalvos, A Mez­quita, O Pereiro e Santigoso, todos eles de señorío real. O señorío de Castromil estaba entre as pertenzas do marqués de Castelar, sendo Chaguazoso señorío do conde de Amarante. Foi tamén na Idade Media cando tivo lugar a construción do castelo de Viana do Bolo, reconstruído en 1180 polo Rei Fernando II. A fame e pobreza dos ss XVIII e XIX provocou a emigración temporal. Unha destas saídas era ir segar a Castela, onde quedaron, como pro­ba do seu paso e do dos arrieiros, os milladoiros e os vellos mesóns. Os seus sendeiros tamén serviron de camiños de peregrinación a Compostela, aos que se engadiu a Vía da Prata. Durante a Guerra da Independencia o territorio adquiriu unha especial relevancia xa que foi por aquí por onde entraron as tropas francesas en Galicia, e tamén por onde fuxiron. Posteriormente as partidas carlistas tamén tiveron certa importancia, especialmente na Gudiña. A principios do s XIX formáronse os concellos que integran a comarca.
Patrimonio cultural
Dentro do patrimonio relixioso da comarca destacan as igrexas de San Martiño e de San Pedro (A Gudiña); San Martiño da Mezquita (A Mezquita); e Santa María de Viana do Bolo e San Pedro de Grixoa (Viana do Bolo). En canto ao patrimonio civil destacan o pazo do Seixo (A Gudiña); o pazo da Mezquita (A Mezquita); os pazos de Umoso, Fradelo, Grixoa e Punxeiro ou a torre da homenaxe da antiga fortaleza (Viana do Bolo); o pazo de Conso e o pazo de Mormentelos (Vilariño de Conso). Algúns dos seus concellos forman parte do Macizo Central (Viana do Bolo e Vilariño de Conso), de Pena Trevinca (Viana do Bolo) e de Pena Maseira (A Gudiña e A Mezquita) declarados LIC en 2001, dentro da proposta Rede Natura 2000. Celebra as festas do beato Sebastián Aparicio e a de San Bertomeu (A Gudiña); o San Martiño, a Virxe das Neves e os Reis (A Mezquita); o Entroido, a Festa da Androlla e as festas parroquiais de San Roque, a Asunción e o Santo Antón (Viana do Bolo); e a Festa do Cabrito durante o Domingo de Carnaval (Vilariño de Conso).