Vicente Ferrer, san

Vicente Ferrer, san

Eclesiástico, predicador e escritor. Relixioso dominicano, en 1389 foi nomeado predicador xeral da orde. Defendeu a sé papal aviñonense fronte a Roma, chegando a ser confesor do antipapa Benedito XIII. Foi conselleiro do Rei Xoán I de Aragón e, en 1412, designárono compromisario polo Reino de València para dilucidar a sucesión de Martiño o Humano á Coroa de Aragón na vila de Caspe. A súa influencia foi notable para que se escollese a Fernando de Antequera, da dinastía Trastámara. Desde o ano 1400 dedicouse á predicación por diferentes territorios europeos. Das obras que deixou escritas destaca De moderno Ecclesiae schismate (1380), en defensa do antipapa Clemente VII. Coñeceuse tamén un tratado sobre o Cisma de Occidente (Roma, 1901), Contemplació moi devota qui comprèn tota la vida de Jesucrist, salvador nostre, ab les propietats de la misa (1518) e outro en latín, Tratactus de vita spirituali. Foi canonizado en 1455 polo Papa Calisto III. Iconograficamente representouse con túnica branca e muceta negra (hábito da orde dos Predicadores), cun libro aberto na man e cunha mitra e o capelo de cardeal no chan, que simbolizan a súa renuncia a estas dignidades. Como atributos persoais leva un crucifixo nunha man, unha trompeta e unha chama sobre a testa. Ás veces tamén unha cartela coa recomendación: “temede a Deus, que vai vir a hora do seu xuízo”. A súa festividade celébrase o 5 de abril.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : València

  • Deceso

    Lugar : Vannes