Viena, Congreso de

Viena, Congreso de

Reunións celebradas en Viena entre o 30 de outubro de 1814 e o 9 de xuño de 1815. Pretendían reconstruír o mapa de Europa despois da fin do imperio napoleónico. Prevista no primeiro Tratado de París, quería conseguirse a restauración da orde social e do sistema político e unha paz duradeira en igualdade de condicións entre as diferentes potencias. Foi dominado polas catro grandes potencias da época, Austria, Rusia, Reino Unido e Prusia, aínda que Francia tamén tivo un papel importante grazas ao príncipe de Talleyrand. Os monarcas das grandes potencias asistiron ao congreso o que creou dous centros de decisión: o consello de ministros e a reunión dos soberanos, na que o Tsar Alexandre I ideou a Santa Alianza. O Imperio dos Cen Días non interrompeu as reunións. Austria, que abandonou os Países Baixos, obtivo Galitzia, o Tirol, a rexión de Salzburgo, o Reino de Lombardia-Véneto e o litoral dálmata. Prusia obtivo o terzo setentrional de Saxonia, a Pomerania sueca, a maior parte do antigo Reino de Westfalia e as terras da beira esquerda do Rin. Rusia fíxose con Polonia, aínda que non acadou Cracovia, e co dominio de Finlandia e Besarabia. Creouse o Reino dos Países Baixos e o de Piemonte-Sardeña recuperou unha parte de Savoia e do condado de Niza, e anexionou Xénova. Suecia, que perdeu Finlandia, obtivo Noruega en detrimento de Dinamarca que recibiu Holstein e Lauenburgo. Alemaña continuou formada por 38 estados independentes, que se uniron na Confederación Xermánica. Os Estados Pontificios recuperaron Boloña, Ravenna e Ferrara. Reino Unido obtivo diversas illas como a de Malta. Os Borbóns foron restaurados en Nápoles. No segundo Tratado de París, o 20 de novembro de 1815, solucionouse o problema de Francia.