Vietnam, Guerra de

Vietnam, Guerra de

Conflito bélico que enfrontou entre 1954 e 1975 a República Democrática de Vietnam, que contou coa axuda da República Popular de China e a URSS, e a República de Vietnam, que contou coa axuda de EEUU. En 1954 a Conferencia de Xenebra, que puxo fin á Guerra de Indochina, dividiu Vietnam en dous estados separados polo paralelo 17. Unhas eleccións previstas para 1956 tiñan que decidir a súa reunificación, pero a República de Vietnam e EEUU non aceptaron o acordo. Na República de Vietnam (Vietnam do Sur) xurdiron grupos terroristas en 1957 apoiados pola República Democrática de Vietnam (Vietnam do Norte). A Fronte Nacional de Liberación (FNA) creouse en 1960 e o terrorismo deu paso á guerrilla. EEUU, para contrarrestrar a axuda de Vietnam do Norte ao FNA, puxo en marcha un programa de axuda directa e en masa a Vietnam do Sur. En 1967, como consecuencia da ofensiva de EE UU, o Viet-cong abandonou os territorios que ocupara e volveron ás actividades terroristas. En 1968 a FNA lanzou a grande ofensiva de Tet, co comezo do ano budista. En dúas semanas os guerrilleiros ocuparon 34 capitais de provincia, 64 capitais de distrito, todas as cidades autónomas e algúns barrios de Saigon e Hue. A guerra abriu unha profunda crise económica, política e social en EE UU e os seus aliados comezaron a criticar duramente a política de Washington. En marzo de 1968 EEUU suspendeu os bombardeos aéreos sobre o 90% do territorio norvietnamita e inciáronse conversas preliminares co Vietnam do Norte en París. A finais dese ano, EE UU tiña en Vietnam 543.000 homes. Richard Nixon, o novo presidente estadounidense, comezou a retirada gradual das tropas e formulou a doutrina Guam, segundo a cal o exército survietnamita tiña que acabar el só a guerra coa axuda loxística e financeira estadounidense. Mentres, a FNA creou o Goberno Revolucionario Provisional (GRP) que ampliaba a súa base ante as conversas de París. En 1970 as tropas survietnamitas entraron en Camboxa, para cortar as rutas de aprovisionamento do GRP, e en 1971 en Laos. En marzo de 1972 o GRP lanzou unha nova ofensiva xeral ao sur da zona desmilitarizada, os altiplanos centrais e as proximidades de Saigón. En decembro, a pesar dos avances feitos en París, EE UU iniciou o bombardeo total de Vietnam do Norte: Hanoi e Hai Pong foron practicamente aniquiladas. Finalmente firmouse o Tratado de París entre EEUU, a República Democrática de Vietnam, a República de Vietnam e o Goberno Revolucionario Provisional, utilizando como base a Conferencia de Xenebra. A República de Vietnam negouse a aplicar o Tratado de París pero despois da retirada dos americanos e da redución da axuda financeira e loxística, a debilidade progresiva do réxime de Saigon fixo cada vez máis sensible a actividade guerrilleira do GRP. A comezos de 1975 unha ofensiva dos guerrilleiros dislocou o sistema defensivo survietnamita e todo Vietnam central caeu en poder do GRP. No mes de abril, as tropas do GRP e de Vietnam do Norte ocuparon Saigon, despois da rendición incondicional do goberno survietnamita. O país foi inmediatamente pacificado e reunificado.