vietnamita

vietnamita

(

    1. adx

      Relativo ou pertencente a Vietnam, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    2. s

      Natural ou habitante de Vietnam.

  1. s m [LING]

    annamita.

  2. arte vietnamita [ARTE]

    Arte desenvolvida en Vietnam. A arte vietnamita primitiva recibiu as influencias da arte chinesa, que penetrou co dominio militar no s I, e da arte hindú, que apareceu a partir do s III. A arte propiamente autóctona iniciouse a comezos do s X e tivo o seu apoxeo coa dinastía Dai La (s XI) como a stupa de Binh Son. A dinastía Tran (ss XII-XV) continuou o estilo anterior, como nos templos de Thien Dhuc e Tuc Mac. Coa nova conquista militar chinesa baixo a dinastía ming (1411), apareceu o estilo Le, caracterizado polo refinamento estilístico, do que destacan as estelas funerarias do sepulcro do Rei Le Thaito en Lam Son. A máxima estilización e delicadeza acadouse nos frontais de But Thap (s XVIII). Coa dinastía Nguyen (1802), China volveu marcar a evolución artística ata o primeiro cuarto do s XX cando comezou a asimilación do mundo occidental.

  3. literatura vietnamita [LIT]

    A primeira literatura da que se ten constancia está en lingua chinesa (s XI-XVI) en obras que traducían os preceptos do confucianismo, o budismo e o taoísmo. No s XVI a literatura desenvolveuse en lingua sino-vietnamita e annamita, que utilizou os caracteres chineses chu-nom. Unha das obras máis importantes de finais do s XV foi a escrita polo Rei Le Thanh Ton, Co Tam Bach Vinh (Cen poemas do espírito antigo). Ao redor de 1615, pasouse a escribir nun alfabeto latino, introducido polos misioneiros portugueses, chamado quo’c-ngü. Desta época destaca a obra Chinh phu ngam (O lamento da muller do combatente), escrita pola poetisa Doan Thi-Diem. No s XVIII escribíronse sobre todo novelas en verso (truyen). Do s XIX destacaron o poeta Nguyen Cong Tru e o autor dramático Bui Quang-Nghia. Os escritores de comezos do s XX conciliaron a tradición coa modernidade, como o poeta Nguyen Khac-Hieu, coñecido como Tan-Da, o novelista Nguyen Van-Ngoo ou o crítico do confucianismo Tran Trong-Kim. A renovación social e literaria de Vietnam iniciouse coa aparición do grupo Tu-Luc Van Doan, alentado por Nguyen Tuong Tam a partir de 1932.