Viladonga, castro de
Xacemento situado en Castro de Rei. A súa escavación comezou en 1971. Estivo habitado entre os ss II e V d C. A croa central acolle a maioría das construcións, que se ordenan no espazo en función de dúas vías, unha de L a O e outra de N a S. As vivendas son de forma cadrada ou circular con patio ou adro nalgúns casos, e portas que conservan as escaleiras de acceso. Tiñan o piso de terra compactada pero tamén apareceron algunhas lousas nalgunha vivenda así como fogares de pedra ou barro. Descubríronse tamén construcións dedicadas a almacén e unha estancia de planta cadrada que puido ter un uso comunal ou cultural. Está rodeado dunha muralla de xisto, que acadou, nalgunhas zonas, os 15 m de altura. Conta cun foso e cun antecastro na zona oeste. Atopáronse diversos materiais como ferramentas de bronce ou ferro, armas de pedra puída e outras de ferro, fusos de madeira, fusaiolas de barro, diversos obxectos persoais como fíbulas, aneis de acibeche ou alfinetes e moedas dos ss I-V d C. Á súa beira atópase o Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga.