Vilar de Donas, San Salvador de
Igrexa parroquial situada en Palas de Rei. Pertenceu a un priorado fundado por Arias Pérez de Monterroso e á súa dona e foi fundado a mediados do s XII. En 1184 foi doado á orde de Santiago. A tradición relata que foi fundado por un grupo de donas que se representan nas capelas da nave maior. Ten planta de cruz latina, con nave principal e cruceiro rectangulares, ábsida central semicircular e dúas absidiolas que dan á nave transversal. A portada principal está enmarcada entre dous contrafortes e está acubillada por un tornachuvias de pequenos arcos sobre os que se sitúa un friso no que se apoia a imaxe da Virxe co Neno flanqueada por san Miguel e san Bartolomeu. A porta é de arco de medio punto abucinado, con catro arquivoltas, decoradas con motivos en zigzag, rosetas e dados, apoiadas en columnas con capiteis moi decorados. Pegado a esta fachada consérvase unha serie de arcos que pertencían ao claustro do mosteiro. Foi declarada BIC en 1931.