Villafranca del Bierzo

Villafranca del Bierzo

Municipio da comarca do Bierzo, na provincia de León, Castela e León, situado no Camiño Francés de peregrinación a Santiago (3.647 h [2001]). Localizado na confluencia dos ríos Burbia e Valcarce, ao pé da serra dos Ancares, é o principal centro urbano do Bierzo Occidental. Capital histórica da comarca, a súa preponderancia minguou en beneficio de Ponferrada. Foi capital da provincia homónima entre 1821 e 1823. Na súa orixe, vinculada á peregrinación xacobea, foi unha poboación de francos establecidos alí por Afonso VI (1100), a carón dun cenobio de monxes cluniacenses fundado en 1070. O esplendor do culto xacobeo converteuna nun núcleo urbano dinámico no s XII, no que a metade da poboación era estranxeira. Esta importancia aumentou cando o Papa Calisto III (1455-1458) concedeu aos peregrinos enfermos ou impedidos, que pasaran pola porta do perdón da igrexa de Santiago, as mesmas indulxencias que se outorgan na basílica compostelá. Do seu patrimonio cultural destacan a igrexa de Santiago, o castelo dos marqueses de Villafranca (s XVI), o convento de La Anunciada (1606) e a colexiata de Santa María (s XVI).