Villares Paz, Ramón

Villares Paz, Ramón

Historiador. Doutor en Historia (1981) e catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela desde 1987, especializouse en historia agraria, historiografía e historia xeral de Galicia. Ten feito estadías de investigación na Università de Bologna e no centro Alcide Cervi de Roma e foi profesor convidado na École des Hautes Études de París e no Instituto de Ciências Sociais de Lisboa. Director do Arquivo da Emigración Galega   do Consello da Cultura Galega e vicepresidente da Fundación Otero Pedrayo desde 2005, foi decano da facultade de Xeografía e Historia (1986-1990), reitor da Universidade de Santiago de Compostela (1990-1994), membro fundador e presidente (1996-2002) da Asociación Española de Historia Contemporánea e director en Galicia da Universidad Internacional Menéndez Pelayo (1998-2006). Pertence tamén ao Padroado do Museo do Pobo Galego e á Fundación Luis Seoane e en 2005 foi elixido académico de número da Real Academia Galega. Forma parte do consello editorial de Marcial Pons, Ediciones de Historia, pertence ao consello asesor de Grial, Ayer, Hispania ou Ler Historia, entre outras publicacións, e é asesor e da Enciclopedia Galega Universal. Das súas obras destacan La propiedad de la tierra en   Galicia, 1500-1936 (1982), tese de doutoramento que o consagrou como un dos especialistas da historia agraria en España, Foros, frades e fidalgos: estudios de historia social de Galicia (1982), Galicia. A Historia (1984), Desarmortización y régimen de propiedade en Galicia (1987?), La organización societaria del campesinado parcelaria, el caso de Galicia, 1890-1936 (1996), Figuras de nación (1997), El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX (2001), Breve Historia de Galicia (2004) e Galicia siglo XX (2004), pola que recibiu o Premio Fernández Latorre en 2005.   Editou, entre outras obras, Donos de seu (1988) e Señores y campesinos en la península ibérica, siglos XVIII-XX (1991) e coordinou diversos libros de texto de historia para bacharelato.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Cazás, Xermade