Vilnius

Vilnius

Capital de Lituania (577.969 h [2000]). Situada na confluencia do Vilija co Vilnja, no cruzamento da gran vía de comunicación entre a conca do Dniéper e o Báltico, desenvolveuse como núcleo industrial. Fundada no s X, en 1323 foi capital do ducado de Lituania. Unida a Polonia, o cristianismo foi introducido en 1386. Ocupada polos rusos (1655-1660) e polos suecos (1702), pasou a Rusia en 1793. Foi capital da Lituania independente e, entre 1915 e 1920, estivo ocupada polos alemáns, os polacos, os lituanos e os rusos bolxeviques. De 1920 a 1939 quedou en mans polacas, a pesar de que a Lituania independente a proclamara como capital. En 1939 caeu baixo a órbita soviética e en 1941 converteuse na capital da República Socialista Soviética de Lituania. Ao se independizar esta da URSS (1990), converteuse na capital da República de Lituania. O centro histórico da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1994).