Viqueira López-Cortón, Xoán Jo­han

Viqueira López-Cortón, Xoán Jo­han

Filósofo, neto de X. Pascual López Cortón e sobriño de M. Bartolomé Cossío. Aos poucos meses de nacer trasladouse a Galicia, primeiro á Coruña, e logo, ata os 12 anos, á quinta familiar de San Vitorio, en Vixoi (Bergondo). En 1898 marchou a Madrid, onde entrou en contacto coa Institución Libre de Enseñanza (ILE), aínda que xa, desde neno, se relacioanba con F. Giner de los Ríos. En 1905 acadou o grao de bacharel como alumno libre no Instituto da Coruña. En 1911 licenciouse en Filosofía en Madrid, pero xa frecuentara con anterioridade os ámbitos intelectuais europeos, escoitando a H. Bergson e asistindo ás clases de Bouglé, E. Durkheim, Ranh, Rodier e Martinenche. As estancias en París iniciáranse por causa da enfermidade de osteomielite que padecía. Nas aulas da ILE estudou con Giner, Simarro e Caso. Do primeiro herdou a forma de vivir, a formación científica e as preocupacións pedagóxicas; do segundo, a independencia espiritual e a liberdade de conciencia. En 1911 obtivo unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas para estudar psicoloxía en Alemaña, con estancias nas universidades de Berlín, Leipzig e Göttingen, onde traballou cos profesores Müller, Husserl, Katz, Merkel, Riehl, Wundt, Simmel, Cassirer e outros. Deste modo acadou un notable coñecemento das correntes europeas da filosofía e da psicoloxía, do que deixou constancia en varias publicacións, como en“Estudios sobre psicología actual en Alemania”, “El concepto de la sensación y la psicología” e “Las directrices actuales de la Psicología”. En 1913 doutorouse en Madrid e no curso seguinte deu leccións de introdución á psicoloxía para mestres, no Museo Pedagóxico, recollidas en “La psicología experimental y el maestro”. En 1917 foi nomeado catedrático do Instituto Xeral e Técnico de Santiago, para ser trasladado no mesmo ano ao Instituto da Coruña. A partir deste momento Galicia foi obxectivo das súas preocupacións e investigacións. Así implicouse activamente co grupo das Irmandades da Fala da Coruña, das que chegou a ser presidente e utilizou A Nosa Terra como principal vehículo das súas ideas políticas; tamén presidiu por un tempo La Antorcha Galaica del Libre Pensamiento. Outro aspecto importante é o seu posicionamento no tema da lingua, no que, respectando a diverxencia, escribiu con criterios de achegamento ao portugués; ademais defendía que o galego debía estar presente na escola por esixencia pedagóxica. Para el, o porvir económico e cultural de Galicia dependía da súa estrutura bilingüe. En “Nosos problemas educativos” (1918) expón o seu pensamento sobre o que debería ser unha auténtica escola galega. Procurou un tipo de escola que dese resposta á problemática da realidade galega, pero incorporando as experiencias recollidas nas súas viaxes a Europa (Da Galicia de mañá, 1974). Defendeu a galeguización do ensino e todo un programa de reformas do sistema educativo. Unha nova educación galega que supoñía a creación dunha Escola Técnica de Galicia para a formación de técnicos elementais e superiores, tendo sempre en conta as necesidades económicas reais de Galicia, a modernización dos estudos de bacharelato equiparándoos aos estudos europeos, a creación de modernas escolas secundarias e superiores para o ensino da muller, a posta en marcha dunha grande, completa e moderna universidade e a creación dunha facultade de Filosofía similar á de Francia e Alemaña. Nesta facultade debería crearse a cátedra de lingua e literatura galaico-portuguesa e proceder á creación dun Instituto Científico galego. Moitos dos seus traballos publicados en periódicos e revistas e outros inéditos, dirixidos ao desenvolvemento da personalidade espiritual de Galicia, foron recollidos na obra póstuma Ensayos y poesías (1930). No campo da pedagoxía, recolleu as ideas pedagóxicas de Giner e defende a aprendizaxe en que o interese e a atención do individuo converxen naquilo que hai que asimilar. Chama a atención sobre o papel da pedagoxía e sobre a utilidade que a psicoloxía pode ter para o mestre no desenvolvemento harmónico do neno. Sobre este tema publicou Introdución a la psicología pedagógica (1919) e moitos traballos de psicoloxía no BILE, no Boletín Escolar, na Revista de Pedagogía (“Sobre el dibujo de los niños” e “Bosquejo de psicología infantil”, unha serie de sete traballos conexos entre si) e na Revista General (“Psicología infantil”). Como profesor de psicoloxía, lóxica e ética, escribiu os libros de texto Elementos de ética e Lecciones elementales de historia de la filosofía. Ademais, como tradutor de libros, vinculouse ao pensamento alemán e ao británico; así, realizou a primeira tradución hispana do Tratado de la naturaleza humana (1923), de D. Hume, e traduciu Tres diálogos entre Hilas y Filonús, de G. Berkeley, “Em. Kant y la Escuela Filosófica de Marburgo”, de P. Natorp, e a Historia de la filosofía (2 vols), de K. Vorländer, na que, como apéndice, fixo un estudo sobre a “Historia de la filosofía española en el siglo XIX”. Nas súas contribucións á filosofía figura un ensaio póstumo sobre a análise do pensamento unamuniano e un artigo sobre a inmortalidade. Aproximouse a Sócrates e a Platón, e consérvanse os manuscritos dos Diez Idilios de Teócrito. Nueva versión del griego. Achegouse á poesía e a pensadores portugueses como Leonardo Coimbra, Teixeira de Pascoães e Afonso Lopes Vieira. Na revista Ronsel apareceron os seus primeiros poemas. En 1974 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Madrid

  • Deceso

    Lugar : A Lagoa, Ouces, Bergondo