virus

virus

(

  1. s m [MICROB]

    Axente infeccioso submicroscópico, parasito endocelular obrigado de plantas, animais e bacterias. Bioquimicamente é un complexo supramolecular estable que contén unha molécula de ácido nucleico (ADN ou ARN, pero nunca os dous) e moitas subunidades proteicas cunha ordenación tridimensional característica. Non medra nin se multiplica por división binaria, e é parasito absoluto, xa que para a súa multiplicación necesita utilizar ribosomas e compostos enzimáticos da célula na que penetra. Un virus maduro totalmente formado coñécese como virión. As formas e dimensións dos virus son moi variables, e todo o seu sistema de multiplicación se basea na replicación do ácido nucleico correspondente. Probablemente o virus penetra na célula anfitriona, debilita a parede e introduce o ácido nucleico, nunca a proteína, que, utilizando os sistemas enzimáticos do anfitrión, constrúe un novo ácido nucleico e unha nova proteína igual á dos seus capsómeros, co que consegue saír ao exterior multiplicado. Os virus bacterianos (bacteriófagos) son os mellores para o seu estudo, ao reduplicarse en gran número nas suspensións bacterianas e ser facilmente illables. Son causantes de moitas doenzas, como a varíola, a rabia, o sarampelo, a gripe, o catarro común ou a poliomelite.

  2. s m [INFORM]

    Axente que actúa nun sistema informático prexudicando o seu correcto funcionamento. Consiste nunha serie de instrucións en código que se poden autoduplicar e contaxiar un disco.

Palabras veciñas

virulencia | virulento -ta | Virunga | virus | viruxe | virxe | Virxe