volcán
(< lat Vulcanu, Deus do lume)
Formación xeolóxica de forma xeralmente cónica, constituída pola acumulación de material ígneo procedente da consolidación dun magma que fai erupción a través dun punto ou dunha fisura da codia terrestre. O conduto polo que sae o magma denomínase cheminea e, xeralmente, sobre ela fórmase o cráter. Se este adquire grandes proporcións denomínase caldeira, que se pode formar por explosión ou por afundimento da parte superior dun cono volcánico. Os volcáns de escudo ou de tipo hawaiano son os formados por emisións de lava moi fluída, como a basáltica, de forma cónica pero de pendente suave. Os volcáns de tipo vulcaniano fórmanse cando o vulcanismo é explosivo, o material que o forma é esencialmente piroclástico e as pendentes son moi inclinadas. Se o magma é moi viscoso, a lava pode acumularse no lugar de saída, e dar orixe a domos volcánicos. Nalgúns casos extremos a extrusión da lava practicamente solidificada orixina unha agulla de paredes verticais que pode obstruír a saída e causar unha violenta explosión.