Volga
Río da parte europea de Rusia, o meirande de Europa con 3.520 km de lonxitude. Nace na chaira de Valdaj, a unha altitude de 228 m e desemboca no Mar Caspio en forma dun amplo delta, a 28 m baixo o nivel do mar. Ten preto de 200 afluentes, entre eles o Kama e o Oka. A súa conca ocupa 1/3 do territorio europeo de Rusia e esténdese desde as elevacións de Valdaj e de Rusia Central, ao O, ata o Ural, ao L. Adoita dividirse en tres partes: o Volga superior, desde o nacemento ata a confluencia co Oka; o Volga medio, ata a confluencia co Kama; e o Volga inferior, ata o Mar Caspio. Na conca superior hai sobre todo bosques e na media grandes campos de cereais e cultivos industriais. Na zona dos Urais hai xacementos de petróleo e gas, e preto de Solimansk grandes xacementos de sales potásicos. Ten unhas 70 especies diferentes de peixes. O transporte fluvial de mercadorías representa a maior parte de todo o transporte fluvial de Rusia. A súa situación xeográfica determinou, xa no s VIII, a súa importancia como ruta comercial entre Oriente e Occidente. De Asia Central exportábanse tecidos e metais, e das terras eslavas, peles, cera e mel. No s XIII a invasión dos tártaros destruíu as comunicacións económicas. Restablecido o tráfico comercial no s XIV, creceu a importancia de cidades como Kazan’, Nižnij-Novgorod e Astrakhan. O seu papel económico aumentou considerablemente despois da construción dunha serie de grandes pantanos e centrais. Está unido ao Mar Báltico polo canal Volga-Báltico e ao Mar Branco polo sistema do Dvina Setentrional e polo canal Mar Branco-Mar Báltico, e aos mares Negro e de Azov polo canal Volga-Don.