voo

voo

(< voar)

  1. s m

    Acción de voar.

  2. [ZOOL]
    1. s m

      Sistema de locomoción a través do aire propia de moitos animais, como insectos ou aves. A característica anatómica común que o permite é a posesión dunhas estruturas aerodinámicas, as ás, que nos quirópteros e as aves son a modificación da extremidade anterior dun vertebrado típico, e teñen que cumprir a dobre función de proporcionar unha forza ascensorial e de permitir o avance.

    2. voo nupcial

      oo ritualizado que algúns animais efectúan durante a parada nupcial. Xeralmente é só o macho o que o realiza, aínda que en certas especies, como o miñato ou o corvo, tamén participa a femia.

  3. s m [AERON]
    1. Movemento dunha aerodina na atmosfera. O voo dos avións é posible grazas ás propiedades sustentadoras dos planos inclinados en movemento e pola forza propulsora do motor, que vence a resistencia do aire. As instalacións de radionavegación axudan especialmente no voo sen visibilidade, en que o piloto coñece a inclinación do aparato mediante o clinómetro e dispón dun horizonte artificial, dun altímetro e, xeralmente, dun radar no morro. Para a aproximación final e a aterraxe, recórrese ao Instrument Landing System (ILS) ou a outros sistemas análogos. Nos planadores ou veleiros, cómpre distinguir o voo planado, posible tamén cun avión cos motores parados, do voo a vela, no que se aproveitan as correntes de aire ascendentes. Fálase de voo de pendente, cando o piloto aproveita o movemento ascendente do vento ao atopar coa vertente dunha montaña, de voo térmico, cando aproveita o movemento ascensorial do aire ao quentarse, e de voo de ondas, se aproveita os movementos ondulatorios da atmosfera, entre outros.

    2. Movemento dos aeróstatos e dos foguetes, mesmo cando se efectúa fóra da atmosfera

    3. Distancia ou espazo percorrido por unha aeronave desde que comeza a elevarse ata a aterraxe.

  4. s m

    Longo dunha peza de roupa ou dunha parte dun vestido na parte inferior, desde o lugar onde vai axustada ao corpo ata onde queda pendurada.

Palabras veciñas

Vonnegut, Kurt | Vonones I | vontade | voo | VOR | voracidade | Voragine Varagine