Viena

Viena

Land independente da Baixa Austria e capital de Austria (415 km2; 1.562.676 h [2001]), situada ao L do país, entre os Alpes orientais e a chaira panónica, na beira esquerda do Danubio. Durante a segunda metade do s XIX viviu o máximo crecemento de poboación. Sufriu o seu declive cando perdeu a capitalidade do Imperio Austro-húngaro, o que produciu a emigración de numerosos habitantes. Centro industrial, sobre todo das industrias dedicadas á transformación como electromecánicas, de material de precisión, de industrias de instrumentos musicais ou alimentarias, ten refinaría de petróleo. É sede de numerosos organismos internacionais como a AIEA ou a OPEP. Foi a romana Vindobona, e a súa función era protexer o limes do Danubio. Ao redor de 1135 pasou a mans dos Babenberger que, despois de conquistar o ducado de Austria, a converteron na súa residencia en 1156. A súa conversión en ducado e o tráfico comercial do Danubio favoreceron o florecemento cultural e mercantil. Leopoldo VI outorgoulle categoría de cidade a finais do s XII. En 1246, ao morrer o último Babenberger, pasou a mans de Otakar II de Bohemia e en 1276 aos Habsburgo.   Dominio da dinastía húngara (1485-1890), entre 1529 e 1683 foi asediada polos turcos no seu avance polos Balcáns. Volveu pasar aos Habsburgo e converteuse nunha cidade imperial. Foi un gran centro musical durante o reinado de María Tareixa de Austria (1740-1780). No s XIX foi ocupada polas tropas de Napoleón. Foi un dos centros intelectuais e culturais máis importante do mundo. Despois da anexión de Austria por parte da Alemaña nazi en 1938, converteuse nun distrito imperial da Gran Viena. Ao final da Segunda Guerra Mundial, Rusia ocupou unha parte da cidade e o goberno desta foi compartido polo exército ruso (1945-1955). O centro histórico da cidade foi proclamado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (2001). Do seu patrimonio cultural destacan a capela da residencia imperial (1447-1449), a catedral de Santo Estevo (1939), a igrexa de San Carlos Borromeo, os palacios Göllersdorf e Pommersfelden, o de Belvedere (1712-1723) e a residencia Kinsky (1713-1716). Entre as institucións culturais destacan o Kunsthistorisches Museum, o Museo da Academia, a Graphische Sammlung Albertina, a Filharmónica de Viena e a Sinfónica de Viena. En relación coa composición musical destaca a Escola Clásica Vienesa, do s XVIII e do s XX, coñecida co nome de Escola Vienesa Atonal.