Xoán Carlos I

Xoán Carlos I

Rei de España (1975), fillo de Xoán de Borbón e Battenberg e María de las Mercedes de Borbón e Orléans. Cando o seu pai se converteu en xefe da casa real española (1940), foi príncipe de Asturias e asumiu todos os demais títulos do herdeiro da coroa. En 1948 chegou a España, onde fixo estudos humanísticos e militares. En 1962 casou coa princesa Sofía de Grecia e en 1969 o xeneral Franco deulle o título de príncipe de España e designouno sucesor seu en calidade de rei. Á morte de Franco, foi proclamado rei o 22 de novembro de 1975. Na súa primeira mensaxe expresou as ideas básicas do seu reinado: restablecer a democracia e ser o rei de todos os españois. En 1977 recibiu do seu pai os dereitos dinásticos e a xefatura da Casa Real Española. Desde 1976 favoreceu a democratización do España e mellorou a imaxe exterior do estado, en especial a súa integración nas comunidades europeas e nas relacións con Latinoamérica. O 27 de decembro de 1978 sancionou a Constitución. A súa firmeza na defensa da democracia e da Constitución manifestouse durante o golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981. Recibiu, entre outros galardóns, o Premio Carlomagno pola súa contribución á UE (1982), o Premio Bolívar (1983) e o Premio Humanitario Elie Wiesel (1991), ademais de ser investido doutor honoris causa por máis de 30 universidades españolas e estranxeiras.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Roma