Zambia

Zambia
Nome científico: [nomeoficial en ingl: Republic of Zambia]

Estado da África austral, que limita ao N coa República Democrática do Congo, ao S con Zimbabwe, Botswana e Namibia, ao L con Tanzania, Malawi e Moçambique, e ao O con Angola (752.614 km2; 9.343.000 h [estim 2001]). A capital é A capital é Lusaka.
Xeografía física
A maior parte do territorio está accidentado por sistemas montañosos con elevacións de entre 1.000 e 1.500 m de altitude. De materiais precámbricos e graníticos, son frecuentes as depresións, que corresponden a bloques afundidos, coa depresión de Berotseland e os lagos Bangweulu e Kampolombo. En dirección NL álzase a serra Muchinga (Lawushi, 1.850 m). O clima é tropical, aínda que as temperaturas están suavizadas a causa da altitude. O río máis importante é o Zambeze, cos afluentes da esquerda. A vexetación é principalmente de sabana e de selva seca, con galerías de bosque húmido nos vales e depresións.
Xeografía económica
A pesar dos importantes recursos mineiros, a maioría da poboación continúa dependendo da agricultura de subsistencia: millo, paínzo, melca, mandioca, trigo, arroz, patacas, legumes, tomates e cebola. Entre os cultivos industriais destacan a cana de azucre, o tabaco, o algodón e as oleaxinosas. A gandaría é esencialmente bovina. O bosque proporciona madeira, pero a principal parte está destinada á combustión. Destaca a pesca nos lagos e nos ríos Kafue e Luapula. A economía de Zambia fundaméntase principalmente na riqueza mineira: os depósitos de cobre son os máis importantes, seguidos dos de cobalto, cinc e chumbo. Tamén hai explotacións de carbón, ouro, esmeraldas, ametistas e selenio. A enerxía é sobre todo de orixe hidráulica. A maior parte do cobre extraído é escuro e refínase no mesmo país (Nkana, Luanshya). O sector industrial experimentou un considerable crecemento a causa do desenvolvemento da minaría. Hai tamén produción de cemento, industrias alimentarias e do tabaco, manufacturas de algodón, químicas, de vehículos, de madeira e refinaría de petróleo. O sistema de comunicacións está formado por dúas etapas de vías férreas, a de construción británica, que serve a rexión mineira e comunica as redes do Congo e de Zimbabwe, e a Tazara, de construción chinesa (1975), que comunica Lusaka con Dar es Salaam. Tamén hai 38.900 km de estradas (1997). O aeroporto internacional está en Lusaka.
Xeografía humana
A densidade de poboación é moi baixa en todo o territorio (12,4 hab/km 2 ) agás na provincia central de Copperbelt (Ndola). No período 2000-2005 o crecemento anual da poboación situouse no 0,5%. A poboación urbana é do 35,7% (2003).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural A poboación está composta maioritariamente por bemba (39,7%), seguidos dos nyanja (20,1%), tonga (14,8%), barotse (7,5%), tumbaka (3,7%), mambwe (3,4%) e outros grupos (10,8%). A lingua oficial é o inglés. A maioría da poboación segue as crenzas animistas e tradicionais (27%), aínda que tamén hai protestantes (22,9%), católicos (16,9%) e seguidores doutras relixións (33,2%). Desenvolvemento humano O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Zambia entre os países cun desenvolvemento humano baixo (164º posto mundial cun índice de 0,389). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 40 anos para os homes e 41 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 79,9% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 45%, e o PNB real por habitante é de 840 $ EE UU. Goberno e política República, independizouse no ámbito da Commonwealth o 24 de outubro de 1964. O 24 de agosto de 1991 entrou en vigor a Constitución. O poder executivo reside no presidente da república, que é o xefe de estado e goberno e é elixido para un período de 5 anos. O poder lexislativo correspóndelle á National Assembly, composta por 159 membros, dos que 150 son elixidos para un período de 5 anos, 8 non son nomeados e outro é o presidente. O sistema xudicial baséase na common law inglesa e no dereito consuetudinario. Non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais organizacións políticas son: o Movement for Multy-party Democracy (MMD), o United Party for National Development (UPND), o Forum for Democracy and Development (FDD) e o United National Independence Party (UNIP). Organismos internacionais: Commonwealth, Comunidade de Desenvolvemento de África Meridional (SADC), ONU, Unión Africana (UA) e asociado á UE.
Historia
A colonización foi iniciada por Cecil Rhodes a través da British South African Company en 1889 (Rhodesia) e en 1898 foron delimitadas as fronteiras entre Rhodesia do Sur (Zimbabwe) e do Norte (Zambia). En 1953 integrouse na Federación de Rhodesia e Nyasalandia, que consolidaba as posicións da poboación branca ao tempo que a resistencia africana se mantiña. En 1959 o Zambia National Congress foi declarado ilegal, pero os nacionalistas conseguiron agruparse no UNIP, fundado por Kenneth Kaunda e polo xefe bemba Simon Kapuepwe, e no African National Congress de Harry Nkumbula. A Federación de Rodhesia e Nyasalandia disolveuse en 1963 e o 24 de outubro de 1964 Rhodesia do Norte independizouse e tomou o nome de Zambia. O UNIP gañou as eleccións lexislativas dese mesmo ano. O país adoptou unha liña socializante, nacionalista e panafricana. O país sufriu as crises da África austral, como a independencia de Angola e de Moçambique ou o conflito en Rhodesia do Sur (Zimbabwe), que a deixaron practicamente illada, porque todas as importacións e exportacións pasaban por estes países. En 1973 houbo unha reforma do estado, que motivou a fundación da segunda república, presidida por Kenneth Kaunda, e o UNIP foi declarado partido único. Entre 1980 e 1981 houbo uns intentos de golpe de estado que non triunfaron pero que provocaron un endurecemento do réxime. Kaunda, reelixido presidente cada cinco anos, introduciu un número de medidas non populares coa finalidade de paliar a crise económica, o que comportou serios disturbios civís. En 1987 Kaunda alegou a intervención de Sudáfrica nun intento de golpe de estado ao tempo que o goberno daba apoio ás forzas do African National Congress. Os disturbios contra o réxime de Kaunda acentuáronse e en 1990 a oposición uniuse no MMD, legalizado en novembro dese ano cando Kaunda se viu obrigado a aceptar o multipartidismo. O 24 de agosto de 1991 aprobouse unha nova Constitución e nas primeiras eleccións multipartidistas de outubro venceu o MMD. Acadou a presidencia o seu dirixente e líder sindical, Frederick Chiluba. Os esforzos do novo goberno para correxir os resultados da mala xestión da anterior administración, a extensión da corrupción e as loitas no interior do MMD marcaron a primeira lexislatura. En 1993 foi descuberto un plan secreto do UNIP para desestabilizar o país, o que favoreceu o arresto de Kaunda en febreiro de 1995. En 2001 as divisións políticas no MMD ao redor da presentación de F. Chiluba para un terceiro mandato presidencial, levaron á creación dun novo partido o FDD. Ese mesmo ano, as malas colleitas a causa das inundacións e sequías provocaron unha crise alimentaria. Despois das eleccións parlamentarias e presidenciais de decembro de 2001, denunciadas por fraude por varios partidos opositores, Levy Mwanawasa do MMD foi proclamado presidente en 2002. Ese mesmo ano levantouse a inmunidade a F. Chiluba para ser xulgado por corrupción e foi arrestado en 2003. O estado mantén un conflito coa provincia Oriental, no antigo protectorado británico de Barotseland onde os lozi reclaman a aplicación dos acordos de 1964 que recoñecían os seus dereitos de representación a cambio da súa anexión.