Zante

Zante

Illa grega situada no Mar Xónico ao S de Cefalonia (401 km2; 30.000 h). Xunto cos dous illotes situados ao S, constitúen un nomós das Illas Xónicas (406 km2; 32.557 h [1991]). A capital é Zante (9.767 h [1981]). De clima mediterráneo, danse a miúdo fenómenos sísmicos. É rica en cultivo de vides, oliveiras, cítricos, figueiras e outros cultivos pero o recurso económico principal é o turismo, que se concentra sobre todo na capital, nunha ladeira dun outeiro dominado por un castelo veneciano. Fundada por Zante, un heroe lendario fillo de Dardanoi, no s V a C estivo baixo a órbita de Atenas. Posesión macedonia (217 a C) e romana (191 a C), foi conquistada polos bizantinos no s XII, pasou aos Orsini e a Venecia, que a conservou ata 1797. Foi incorporada definitivamente a Grecia en 1863.