Zanzíbar

Zanzíbar

Illa do Océano Índico situada entre a plataforma continental de África, a 35 km da costa de Tangañika, da que está separada polo canal de Zanzíbar (1.660 km 2; 622.459 h [2002]). Pertence a Tanzania. A capital é Zanzíbar. É unha illa chá, constituída no sector occidental por un baixo coralino cuaternario, mentres que o sector oriental está formado por unha estrutura xeolóxica semellante á chaira litoral de Tangañika. O clima é tropical húmido. A poboación vive da agricultura. Islamizada a partir do s X, os portugueses ocupárona (1503) e convertérona nunha das súas bases principais ata que foron expulsados no s XVII. A mediados do s XVIII o sultanato de Omán restableceu os antigos lazos interrompidos polos portugueses. Converteuse en centro mercantil (escravos, marfil, tecidos, armas, ferramenta) de toda África oriental, así como nun importante produtor de especias. O sultán Bargash (1870-1888) abriu Zanzíbar á influencia británica, e esta conseguiu a clausura do gran mercado de escravos (1873). En 1890 os británicos estableceron un protectorado que se converteu en colonia en 1913. As disputas raciais entre a aristocracia árabe, a burguesía india e o proletariado negro dificultaron o paso á independencia. O partido Afro-Shirazi (africano) gañou as eleccións de 1957 e de 1963, pero o Zanzibar National Party (proárabe) e o Zanzibar PPP (esquerda) aliáronse e formaron un goberno, co que Zanzíbar acadou a independencia o 19 de decembro de 1963. Semanas despois, a revolta de John Okello derrocou o sultán Sayid Iamshid ibn Abdullah, e iniciou unha revolución antiárabe e antiindia. O novo réxime pacificou a illa coa axuda das forzas enviadas por J. Nyerere, presidente de Tangañika, e nacionalizou as terras. O 25 de abril de 1964, federouse con Tangañika e formou o novo estado de Tanzania.