Zarpa, La

Zarpa, La
[PUBLIC]

Xornal publicado en Ourense a partir do 27 de xullo de 1921. Cesou en xullo de 1936. Subtitulado “Diario de los agrarios gallegos”, o seu fundador e propietario foi Basilio Álvarez. Foi unha das publicacións periódicas máis relevantes da época en Galicia, que mesmo chegou a compartir colaboradores con outras publicacións, como Galicia, de V. Paz Andrade e El Pueblo Gallego, de M. Portela Valladares. Voceiro da liña progresista e liberal en Ourense, o republicanismo, o galeguismo e o sindicalismo agrario ocuparon as súas páxinas, cunha liña plural que variou desde o apoio ao Partido Radical a posturas máis centristas. Ademais da información xeral, analizou temas como a modernización do campo -especialmente na sección “Movimiento agrario”, a situación da muller, a cultura e a literatura ou o ensino. Dos seus colaboradores destacan algúns políticos, como o socialista Manuel Suárez Castro, os agraristas S. García Bodaño e M. Lustres Rivas; intelectuais, como algúns membros da Xeración Nós (V. Risco e R. Otero Pedrayo), R. Blanco Torres, E. Blanco Amor, R. Cabanillas e X. R. Fernández Oxea, entre outros. A eles sumáronse moitos escritores e políticos de fóra de Galicia, como Francisco de Cossío, Ángel Ossorio e Unamuno. Tivo como rivais locais ao xornal católico La Región e Galicia, vinculada a Calvo Sotelo. Tras o triunfo franquista, o diario foi requisado e algúns dos seus colaboradores fusilados.