Zimbabwe
Estado da África meridional que limita ao N con Zambia, ao NL e ao L con Moçambique, ao S coa República Sudafricana e ao O con Botswana (390.757 km 2 ; 11.751.000 h [estim 2001]). A capital é /Harare /
Xeografía física
O país está constituído por unha masa de terras altas (altiplanos de Matabeleland ao SO e Mashonaland aoNL) que forman parte do grande antiplano da África central e meridional, no cal a erosión que actuou sobre materiais de diferente resistencia creou un relevo de socalcos que descenden á depresión do Zambeze ao N e á do Limpopo no S. As intrusións ígneas dan lugar ao Great Dyke, unha serra de outeiros que atravesa o país de SO a NL (Inyanga, 2.596 m). Distínguense tres zonas altitudinais: o Highveld por riba dos 1.400 m, o Middleveld de 700 a 1.400 m e o Lowveld por debaixo dos 700 m. O clima é tropical, pero acusa a influencia das diferenzas de altitude e por debaixo dos 1.000 m aumenta a amplitude térmica e aparecen as estacións. A vexetación é principalmente de selva seca e de sabana.
Xeografía económica
As actividades agrícolas constitúen unha das bases da economía do país. Os cultivos danse principalmente ao NL, máis húmido, e nas zonas onde é posible o regadío; o resto está dedicado á gandaría (gando bovino). Os principais cultivos de subsistencia son o millo, que deixa un bo remanente exportable, o trigo, a soia e os cacahuetes. O principal cultivo comercial é o tabaco, seguido do algodón, o café e o azucre. O bosque abastece de madeiras preciosas e moita leña. O subsolo é rico en minerais. Produce principalmente ouro, asbesto e níquel, ademais de cobre, prata, esmeraldas, litio, estaño, ferro, cobalto, cromo, carbón e diamantes; e ten reservas de platino. A produción eléctrica é de orixe hidráulica. Os sectores industriais máis importantes son o alimentario, o do metal (especialmente aliaxes de ferro--cromo e aceiro), o químico e o téxtil. Zimbabwe dispón de 91.800 km de estradas (1996). Os ferrocarrís (2.759 km, 1998) unen a capital cos países que o rodean, e outras liñas secundarias comunican as rexións mineiras. O aeroporto principal está en Harare. O comecio exterior incrementouse e a balanza comercial é positiva. Exporta manufacturas de base, bebidas e tabaco e alimentos. Os principais clientes son Alemaña, Reino Unido e a República Sudafricana. Importa maquinaria e equipamento de transportes, produtos químicos e petróleo, principalmente da República Sudafricana, Reino Unido e EE UU.
Xeografía humana
A forte taxa de crecemento anual (4,1‰ en 1999) é resultado dunha natalidade moi elevada (25,4‰), aínda que tamén mantén unha alta mortalidade (21,3‰). País pouco poboado (30,07 hab/km 2 , pero cunha distribución regular, só o 34,9% (2003) da poboación é urbana. A cidade máis importante é a capital.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural A maioría da poboación é africana (97,6%) pero tamén existe unha minoría europea (2%) e outra asiática (0,1%). A lingua oficial é o inglés. A maior parte da poboación segue as crenzas tradicionais ou animistas (40,5%), hai protestantes (34,6%), católicos (7%) e seguidores doutras relixións (17,9%). Desenvolvemento humano O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Zimbabwe entre os países cun desenvolvemento humano baixo (147º posto cun índice de 0,491). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de de 40 anos para os homes e 37 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 90% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 58%, e o PNB real por habitante é de 1.390$ EE UU. Goberno e política República, foi colonia británica e independizouse o 18 de abril de 1980. A Constitución de 1980 outorgaba amplos poderes ao presidente da república e modificouse posteriormente. O presidente da república é tamén xefe de goberno. Elíxese para un período de 6 anos. O poder lexislativo correspóndelle á House of Assembly, formada por 150 membros dos que 120 son elixidos por sufraxio universal para un período de 5 anos, 12 son nomeados polo presidente, 10 son xefes tribais elixidos polos seus pobos e 8 son gobernadores nomeados polo presidente. O seu sistema xudicial baséase na common law británica e no dereito romano e alemán. Os principais partidos políticos son a Zimbabwe African National Union-Patriotic Front (ZANU-PF), o Movement for Democratic Change (MDC) e a Zimbabwe African Peoples Union (ZAPU). Organismos internacionais: Commonwealth, ONU, Unión Africana (UA) e asociado á UE.
Historia
A colonización foi iniciada por Cecil Rhodes a través da Brithish South African Company en 1889 (Rhodesia) e en 1898 foron delimitadas as fronteiras entre Rhodesia do Sur (Zimbabwe) e do Norte (Zambia). Os avances do ferrocarril axudaron á rápida colonización do país, sobre todo polo que fixo para a explotación mineira. Permaneceu á marxe da Guerra dos Bóers e evitou federarse con Sudáfrica. Ao comezo do s XX o cultivo de tabaco fixo medrar a poboación anglosaxoa e impulsou a economía colonial. Tras a Primeira Guerra Mundial, os colonos demandaron un goberno autónomo para evitar ser unidos a Sudáfrica, que lles foi concedido en 1923 pola coroa británica despois dun referendo entre os electores europeos. Fort Salisbury converteuse na capital. O desenvolvemento económico foi constante grazas ás minas de cobre e ouro, ao cultivo de tabaco e millo e á gandaría. A partir de 1940 as necesidades locais permitiron a creación dunha industria secundaria que provocou a formación dun proletariado. Os sucesivos gobernos locais esforzáronse en concentrar o poder exclusivamente en mans da poboación branca e en manter unidas as dúas Rhodesias e Nyasalandia e en 1953 creouse a Federación de Rhodesia e Nyasalandia. En 1960 comezou unha forte oposición dos africanos no contorno do National Democratic Party, que máis tarde orixinou a ZANU e a ZAPU. A crecente resistencia dos nacionalistas motivou a intervención da ONU en 1962 e a ruptura da Federación de Rhodesia e Nyasalandia en 1963. Rhodesia do Sur permaneceu baixo o control do Rhodesian Front, de liña racista intransixente, e volveu ao estatuto de colonia. O 11 de novembro de 1965 o goberno rhodesiano declarou unilateralmente a independencia, e a ONU decretou un bloqueo económico da colonia por rebelión. Resistiu as sancións económicas grazas á axuda sudafricana, portuguesa e de certas compañías multinacionais. Ao mesmo tempo foi endurecida a represión contra os nacionalistas africanos e os disidentes brancos. En 1970 o primeiro ministro Ian Smith proclamou a República e unha nova constitución, e en 1974 a Rhodesian Front gañou amplamente as eleccións lexislativas. A independencia de Moçambique en 1975 e a hostilidade de toda a África negra situou o réxime rhodesiano nunha posición difícil. A pesar diso, a intransixencia dos brancos fixo fracasar todas as negociacións. A ruptura provocou un aumento da guerrilla nacionalista no campo e un empeoramento da situación internacional do goberno branco ao longo de 1977 e do goberno mixto xurdido en 1978. En 1979 celebráronse eleccións separadas por comunidades, en que Muzorewa obtivo a maioría e formou un goberno que incluía elementos racistas da Rhodesian Front. Durante este breve goberno iniciouse o proceso cara á independencia. En marzo de 1980 celebráronse as primeiras eleccións libres, en que as forzas da guerrilla nacionalista obtiveron unha ampla vitoria. O novo goberno que agrupaba as forzas guerrilleiras da ZANU de Robert G. Mugabe, elixido presidente, e da ZAPU de J. Nkomo, conseguiu a independencia de Gran Bretaña o 18 de abril de 1980. Pronto R. G. Mugabe, partidario da implantación dun só partido, e J. Nkomo, defensor dun sistema pluralista de base tribal, rivalizaron ata que en 1982 Nkomo, involucrado nun intento de golpe de estado, foi cesado. A inestabilidade política acentuouse nos anos seguintes a causa, principalmente, dos disturbios en Matabeleland protagonizados por seguidores de Nkomo. En 1984 a ZANU propugnou establecer un estado de partido único marxista-leninista. As negociacións de fusión da ZAPU coa ZANU, vitoriosa nas eleccións de 1985, rompéronse en 1987. O mesmo ano modificouse a constitución, coa abolición dos escanos reservados aos brancos e a fusión dos cargos de presidencia da república e primeiro ministro na persoa de R. Mugabe. Zimbabwe deu apoio militar ao goberno de Moçambique e foi un dos principais impulsores do illamento sobre o réxime segregacionista de Petroria, por esta razón pasou a ser refuxio de membros do African National Congress sudafricano e sufriu diversas incursións militares sudafricanas. A ZANU revalidou a súa maioría nas eleccións de 1989. En 1990 o goberno iniciou un proceso de transformación cara a unha economía de libre mercado e ao ano seguinte Mugabe renunciou publicamente ao establecemento dun réxime de partido único. A partir de 1993 comezaron a restablecerlles aos agricultores negros as terras dos terratenentes brancos, un dos obxectivos da guerra de liberación. Mugabe foi reelixido en 1996 e en 2005.