Zumalave Caneda, Maximino

Zumalave Caneda, Maximino

Pianista e director de orquestra. Formado con Ángel Brage no Conservatorio de Música de Santiago de Compostela, con Guillermo González no Conservatorio Superior de Música de Madrid, e con J. Elliot Gardiner e Helmuth Rilling, en 1976 comezou as súas actuacións como solista. Director da capela de música da catedral de Santiago, fundou e dirixiu o Coro Universitario de Santiago (1979-1985). Ademais, foi director invitado da Orquesta de Cámara de Stuttgart, director invitado na Orquesta Nacional de España, director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995), e na posta en marcha da Real Filharmonía de Galicia (1996). Dentro da súa actividade docente, participa na cátedra de Teatro Lírico e Sinfonismo dos cursos universitarios internacionais de Música en Compostela. Colaborou con destacados solistas, como Teresa Berganza, e estreou diversas obras dun amplo repertorio que se estende desde Monteverdi e Bach aos compositores modernos, moitos deles galegos, como Balboa ou Macías. É membro da Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario (1995).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : La Habana