Fez
Fez
Capital da provincia homónima de Marrocos, na marxe dereita do río Sebou (510.000 h [1982]). A agricultura é a principal actividade económica. Fundada orixinariamente no 789 por Idris I, está composta por tres núcleos de poboación: Fās al-Bali, fundado no 809 por Idris II e centro comercial e cultural da cidade; Fās al-Djadid, situado ao SO e fundado en 1276 como centro administrativo; e o barrio residencial europeo creado polos franceses en 1916. Do seu patrimonio cultural destacan a medina, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1981, a porta de Bab Bou Jeloud e a mesquita de Al-Qarawiyin, sede da universidade.