fibra

fibra

(< lat fibra)

  1. s f [BOT]

    Célula xeralmente morta, moi alongada, de paredes grosas e a miúdo lignificadas, que ten unha función mecánica.

  2. [TECNOL]
    1. s f

      Cada un dos elementos filiformes en que se pode imaxinar descomposto un material, considerado homoxéneo, a fin de estudar e definir o tipo de esforzo ao que está sometido. Se o esforzo é de compresión fálase de fibra comprimida e, se é de tracción, de fibra estirada.

    2. fibra neutra

      Liña teórica determinada polas fibras que, nun elemento estrutural, como pode ser unha viga, non traballan nin a compresión nin a tracción.

  3. [BIOL]
    1. s f

      Cada un dos elementos estruturais en forma de fuso ou filamento que forman parte dos tecidos animais.

    2. fibra muscular

      Célula que forma parte do tecido muscular e que ten a capacidade de contraerse baixo un estímulo nervioso.

    3. fibra nerviosa

      Estrutura formada polos cilindroeixes das células nerviosas, que pode estar recuberta por unha vaíña protectora, e que serve para a condución da corrente nerviosa.

    4. fibra xigante

      Fibra nerviosa de gran diámetro que transmite os impulsos con maior rapidez ca as fibras normais. Localízase en moitos tipos de invertebrados, como os anélidos e os crustáceos. Tamén se coñece como axón xigante.

    1. s f [TÉXT]

      Elementos sólidos, flexibles e filiformes, de uso téxtil. Son moitas as substancias que poden ser catalogadas como fibras téxtiles, pero en realidade poucas se usan como tales porque deben responder a unhas determinadas características de finura, lonxitude e resistencia. As fibras vexetais están constituídas por celulosa, nalgúns casos case pura (algodón), pero a miúdo vai acompañada doutras substancias (como a lignina ou a hemicelulosa). Obtéñense do froito, da semente, do tronco, do talo ou das follas de certas plantas. As fibras animais, de base proteínica, proveñen da la ou da pel que recobre o corpo dalgúns animais ou de filamentos segregados por certos vermes, arañas ou moluscos. Para algúns tecidos especiais empréganse as fibras minerais como o amianto ou a fibra de vidro. As fibras artificiais e as fibras sintéticas obtéñense por extrusión, no proceso de fiado, do polímero correspondente. Nos últimos anos estase estendendo o nome de téxtiles químicos para se referir tanto ás fibras artificiais (fibras químicas obtidas dos polímeros naturais) como ás sintéticas (fibras químicas obtidas de polímeros sintéticos). As características físicas máis importantes das fibras son a lonxitude, o grosor, a resistencia á tracción, o alongamento na ruptura, a elasticidade, a cor, a brillantez e a uniformidade. Entre as propiedades químicas as máis importantes son a higroscopia, o poder illante da calor e o comportamento ante os axentes químicos.

    2. fibra de vidro [QUÍM]

      Filamento obtido por extrusión do dióxido de silicio e doutros compoñentes, e polo posterior estiramento, ata que acada o diámetro desexado, xeralmente entre 1 μm e 8 μm. Pola súa gran resistencia mecánica e non inflamabilidade, emprégase como reforzante en tecidos especiais e como illante térmico.

  4. fibra alimentaria [ALIM]

    Fracción dos alimentos vexetais que resiste a acción dos enzimas do sistema dixestivo humano. Consta fundamentalmente de celulosa e tamén inclúe hemicelulosa, pectina e lignina. Non é absorbida e retén auga, polo que facilita o tránsito intestinal. Contribúe a evitar o retraemento e a dispepsia. Alimentos como os cereais integrais e os seus derivados, os legumes, os froitos secos, as froitas, os tubérculos e as raíces feculentas, son ricos en fibra alimentaria.

  5. fibra óptica [FÍS/TECNOL]

    Medio condutor da luz que consiste nunha fibra de material dieléctrico transparente, convenientemente recuberta para conseguir que a radiación incidente nun extremo se transmita ao outro por un proceso de reflexión total. A transmisión de luz a través de fibras prodúcese de forma natural no borato de sodio e calcio, coñecido como ulexita. En 1953, A. C. S. van Heel demostrou que as imaxes podían ser conducidas por camiños curvados, formados por feixes de fibras de vidro, e introduciu o concepto de fibra óptica. Os polímeros acrílicos non presentan cristalinidade, son homoxéneos, económicos e altamente transparentes no espectro visible. O índice de refracción é relativamente baixo, de aproximadamente 1,49. Os primeiros condutores de fibra óptica apareceron nos EE UU cara a 1970; posteriormente, sufriron un grande avance, de maneira que teñen numerosas aplicacións en diversos aparellos e dispositivos nos que é preciso transmitir opticamente sinais luminosos ou simplemente luz. A fibra óptica é unha guía de ondas circular, constituída por un núcleo cun índice de refracción n 1 e unha capa de revestimento que a envolve, cun índice de refracción n 2 ; exteriormente hai un recubrimento de protección. A luz própagase no interior da fibra óptica por refracción ou por reflexión total nas paredes, segundo como sexa a variación do índice de refracción (n 1 n 2 ) ao longo do diámetro dunha sección da fibra. Hai fibras de índice gradual ou con saltos (fibras multimodo) e fibras nas que só se fai pasar un modo ou unha onda fundamental polo seu interior (fibras monomodo). Para detectar a luz emitida por unha fibra óptica utilízanse dispositivos electroópticos. As fibras ópticas presentan unhas perdas moi baixas, son inmunes ás interferencias, proporcionan un illamento eléctrico total entre o transmisor e o receptor, e non radian enerxía electromagnética. A aparición das fibras ópticas representou unha verdadeira revolución; entre as súas diversas utilidades pódese destacar o seu uso para enlazar centros de telecomunicacións e tamén redes de área local, en vídeo multicanal, en transmisión de voz e en transmisión e control de datos.