fidalguía

fidalguía

(< fidalgo)

  1. s f

    Condición de fidalgo.

  2. s f

    Que ten un comportamento nobre e xeneroso.

  3. s f

    Grupo social, de orixes medievais, composto polos fidalgos. En Galicia, a presencia continuada da alta nobreza na corte castelá provocou que na Idade Moderna se convertese, xunto cos eclesiásticos, nos rectores da sociedade. A orixe das grandes casas fidalgas galegas ten lugar a principios do s XVI, cando escudeiros, burócratas e cregos adquiriron patrimonios agrarios, construíron pazos ou casas grandes e integráronse na vida rural. A acumulación de grandes dominios e rendas produciuse como consecuencia da cesión por parte da Igrexa de numerosos bens e a chegada ao mundo rural de capital de orixe comercial, que permitiu a compra de terras e que a fidalguía se colocase na posición intermedia entre os titulares do dominio da terra, Igrexa e mosteiros, e os traballadores directos da mesma. Non obstante , esta non se configurou como unha burguesía agraria, posto que vivía das rendas forais ou asimiladas e todo o que se cultivaba na casa era para consumo propio. O seu arraigamento á terra permitiu que, ao longo dos ss XVII e XVIII, adquirise importancia social e controlase de xeito paulatino as novas institucións de carácter urbano, entre outras, as rexedorías e as xuntas do Reino. O seu poder e a perpetuación da liñaxe levárona a crear unha serie de redes de poder a través dos matrimonios e a colocación de determinados membros da familia en postos destacados da administración civil e eclesiástica, que culminaron coa consecución de títulos nobiliarios, como o marquesado ou o condado. Deste xeito, Diego Sarmiento de Acuña acadou, trala súa embaixada en Londres, o título de conde de Gondomar; Santiago Luís Sarmiento de Valadares e Neira, mordomo da raíña, recibiu en 1673 o marquesado de Valadares; e en 1762 Pedro Martínez Feixoo acadou o condado de Troncoso. No s XVII a toma de conciencia da fidalguía como grupo social reflectiuse, entre outras, na construción de capelas e sepulcros en mosteiros e igrexas, a aceptación da vasalaxe dos seus colonos, a fundación de obras pías e a entrega de esmolas e comida para os pobres. No s XIX iniciouse a decadencia deste grupo social, que coincidiu co proceso de redención de foros, ao non ser capaces de transformarse en burguesía agraria.

  4. carta executoria de fidalguía

    Documento polo que se demostraba a fidalguía dun individuo na Coroa de Castela. A sentenza que se incluía no documento facíase pública pola xustiza e despois pola Real Audiencia. Na Coroa de Aragón era equivalente á firma provisoria dos infanzóns.