Fielding, Henry
Escritor e dramaturgo inglés. Potenciou o desenvolvemento de xéneros dramáticos relacionados coa comedia satírica, como a farsa, a traxedia burlesca, a ópera bufa ou a revista. Desde a dirección do Little Haymarket Theatre desenvolveu un teatro crítico e político directamente enfrontado coa monarquía e coa Igrexa, feito que lle ocasionou problemas diversos coa censura. Entre as súas obras máis celebradas están Tom Thumb (1730), Tragedy of Tragedies (A traxedia das traxedias, 1731), The Welsh Opera (A ópera galesa, 1731), The Modern Husband (O marido moderno, 1732) ou Don Quixote in England (Don Quixote en Inglaterra, 1734). En 1737 a prohibición que pesaba sobre as súas pezas levouno a iniciar unha nova andaina literaria como novelista, abrindo novos vieiros para a narrativa inglesa sen deixar por iso de manter aquela lectura crítica da realidade que o fixera famoso, denunciando vicios como a hipocrisía ou a vaidade e retratou a vida cotiá das cidades e os seus suburbios con fidelidade, humor e ironía. Entre as súas novelas destacan Shamela (1741), Joseph Andrews (1742), The Life of Mr. Jonathan Wilde the Great (A vida do gran Jonathan Wilde, 1743), Journey from this World to the Next (1743), Tom Jones (1749) ou Amelia (1751).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Sharpham Park, Somerset -
Deceso
Lugar : Lisboa