Fiennes, Henri Leopold de
Realizador cinematográfico estadounidense, coñecido como Henry Hathaway. Con dez anos debutou como actor de cine e, posteriormente, foi o encargado do gardarroupa dos estudios Universal. Nos anos vinte foi axudante de dirección de Victor Fleming, Josef von Sternberg e outros. Entre 1932 e 1934 rodou oito westerns para os estudios Paramount, compañía para a que traballou en exclusiva durante a década dos trinta e para a que produciu películas como The Lives of a Bengal Lancer (Tres lanceiros bengalís, 1935) ou Souls at Sea (Almas no mar, 1937). Posteriormente dirixiu The Real Glory (A xungla en armas, 1939) para o produtor independente Samuel Goldwyn. Durante a década dos corenta e cincuenta traballou en exclusiva para os estudios 20th Century Fox. Do resto da súa produción destacan: Kiss of Death (O bico da morte, 1947), The Desert Fox (Rommel, o raposo do deserto, 1951), Niagara (Niágara, 1953), Legend of the Lost (Areas de morte, 1957), The Outlaws (A época dos proscritos, 1962), Nevada Smith (1966), True Grit (Valor de lei, 1969) ou Hangup (Chantaxe criminal, 1974).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Sacramento, California -
Deceso
Lugar : Los Angeles, California