fiestra valdeira, A
Obra teatral en galego de Rafael Dieste publicada en 1927. Presenta a peripecia que vive un mariñeiro de boa posición cando, forzado pola súa muller e a súa filla, decide retirar dun retrato que lle están facendo un fondo mariñeiro. Os seus amigos, contrariados con tal decisión, cortan o lenzo para recuperar aquela fiestra que deixaba ver o porto cheo de lanchas e barcos de pesca. A fiestra, que mostra as orixes verdadeiras do vello mariñeiro e que fala da súa identidade e da súa condición, é todo un símbolo de Galicia, a terra á que renunciaban moitos galegos e galegas a medida que melloraban na súa posición social, esquecendo as súas orixes, a súa identidade, a súa lingua e a súa cultura. O problema resólvese cando Don Miguel decide aceptar a súa identidade e restitúe a fiestra, acto de carácter simbólico co que se afirma a identidade e a conciencia galeguistas. Foi un texto moi utilizado na creación teatral galega, e a primeira escenificación data de 1935, con dirección do propio autor e representada por un grupo de mariñeiros de Asados, Rianxo. Posteriormente, en 1994, o Centro Dramático Galego presentou un espectáculo homónimo, con dirección de Xulio Lago e no que participaban, entre outros, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Serxio Pazos, Carlos Blanco, Rebeca Montero, Xan Cejudo ou Xosé Luís Bernal “Farruco”.