Figueroa

Figueroa

Familia de arquitectos activos nos ss XVII e XVIII. Leonardo Figueroa y Reina (Utiel 1650? - Sevilla 1730) realizou unha arquitectura plenamente barroca. Traballou en Sevilla, entre outras obras, na reforma do convento de San Pablo (1691-1709); na igrexa do Salvador, construída no terreo que ocupara a mesquita maior; e no colexio seminario de San Telmo. Escribiu un tratado de arquitectura que non se publicou. O seu fillo Matías José Figueroa (Sevilla 1698-1765?) colaborou co seu pai en San Telmo e foi mestre maior de obras de Sevilla. Das súas obras destaca a capela de San Leandro (1733) na catedral. O seu irmán Ambrosio Figueroa (Sevilla 1700?-1775) foi mestre maior de fábricas do arcebispado e construíu a capela pública da cartuxa sevillana. O fillo deste, Antonio Matías Figueroa (Sevilla 1734?-1796) foi mestre alarife (1764) e mestre maior do arcebispado de Sevilla (1776). Nas súas últimas obras achegouse ao neoclasicismo. Destacan, entre outras, a igrexa de Santa María de Écija (1780?).