Figueroa, Fundación
Fundación benéfica instituída polo testamento de Manuel Ventura Figueroa Barreiro, que se constituíu o 28 de novembro de 1784 coa sinatura dos testamenteiros, o conde de Floridablanca, o conde de Campomanes e Xosé Gálvez, e na que investiron as catro quintas partes dos seus bens. Os seus obxectivos foron axudar aos parentes orfos de Figueroa na realización de estudios universitarios, militares ou eclesiásticos, e proporcionar ás orfas un dote para o casamento ou para profesar como relixiosas. Se non existisen individuos para recibir estas axudas entre os seus familiares, destinaríanse aos orfos dalgunhas fregresías do arcebispado de Santiago. A súa dirección repartíase entre un Patrón de Sangue, o parente máis próximo do fundador que ten a obriga de cumprir a súa vontade e nomea un apoderado e un administrador para que o axuden, e un Xuíz Protector, nomeado por real decreto do goberno, que tivo que desempeñar con anterioridade funcións de ministro e posuír o título de letrado, e que se ocupa de velar polo fiel cumprimento da vontade fundacional. Despois de varias décadas de inactividade, normalizou as súas actividades en xuño de 2002, despois da transferencia da titularidade dende a Administración Central á Xunta, que nomeou Xuíz Protector a Dositeo Rodríguez.