Figueroa, pazo de

Figueroa, pazo de

Construción nobre situada no centro histórico de Cambados. Coñecido tamén como pazo de Fefiñáns, edificouno Xoán Sarmiento Valladares no s XVI e pertenceu aos Fefiñáns e aos marqueses de Figueroa. Gonzalo Valladares e Sarmiento, vizconde de Fefiñáns, reformouno en 1647. Encadra a praza de Fefiñáns, onde se sitúa tamén a igrexa de San Bieito. Ten planta en forma de L e dúas alturas, a baixa dedicada a adega e a superior a vivenda. Nun dos seus extremos ten unha torre con ameas con dous balcóns circulares na esquina. A máis longa ten unha arcada que enlaza coa leira. No exterior destacan os medallóns e os frontóns triangulares que se sitúan sobre as ventás do piso superior. Na fachada principal consérvase o escudo de armas dos Valladares, Sarmiento, Ozores, Sotomayor, Puga e Fajardo.