Filemón
Antropónimo grego (Φιλέμων) derivado do grego ϕ ιλεω ‘amar’, polo tanto ‘afectuoso, amable’. Filemón e Baucis son protagonistas dunha lenda que se repite en Galicia en diferentes lugares, como tal en Doniños (Ferrol). Eran eles un matrimonio aldeán moi pobre que lle deu acubillo a Zeus e Hermes, disfrazados de viaxeiros e pedindo pousada, dunha vez que andaron pola súa terra. Entón os deuses, incomodados, mandaron un dioivo que asolagou toda a aldea menos a casopa dos que lles deran abeiro. A estes ofrecéronlles o que quixesen e só pediron acabar a súa vellez xuntos. Os deuses transformaron a casa nun templo e a eles nuns carballos ao pé do templo. O tema inspirou a Ovidio nas súas Metamorfoses. En Galicia explícase así a orixe de diferentes lagoas e son Xesús e María os que piden pousada. Filemón foi tamén un cristián a quen san Paulo lle dirixiu unha epístola. Fuxíralle un escravo (Onésimo) e Paulo atopoullo casualmente en Roma. Conforme mandaba a lei romana e evitando a gravidade do delito que sería encubrilo, Paulo converteuno ao cristianismo e devolveullo a Filemón cunha breve carta de recomendación na que lle pide que o trate coma un irmán. Esta carta, o máis breve documento do Novo Testamento, está na liña doutros escritos pagáns contemporáneos que xa pedían máis humanidade no trato cos escravos, aínda que non cuestiona o feito da escravitude. A súa festividade celébrase o 8 e 21 de marzo e o 22 de novembro.