Filgueira Valverde, Xosé Fernando

Filgueira Valverde, Xosé Fernando

Historiador, político, escritor e profesor. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1927), en Filosofía e Letras pola Universidad de Zaragoza (1927) e doutor en Historia pola Universidad de Madrid (1936), foi profesor de ensino secundario nos institutos de Pontevedra, Balmes de Barcelona e Lugo, para finalmente exercer como director do Instituto de Bacharelato de Pontevedra. No eido da cultura, nas décadas dos anos vinte e trinta, destacou por ser un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos (1921), onde dirixiu a sección de Historia da Literatura (1922-1936); así mesmo, foi patrón fundador do Museo de Pontevedra (1927), do que foi secretario (1927-1942), xefe da oficina do Patronato Nacional de Turismo (1927-1934), vogal das comisións de monumentos de Lugo (1935) e de Pontevedra (1940) e vogal do Servicio de Defensa e Recuperación do Patrimonio Artístico (1938). Foi director do Museo de Pontevedra (1942), posto que ocupou ata a súa morte, membro da Comisión para a Metodología e Terminología del Español (1954-1956) e da Comisión Concordatoria del Patrimonio Artístico de la Archidiócesis de Tui (1958) e delegado de congresos arqueolóxicos nacionais en Galicia (1959). Nos anos setenta foi conselleiro provincial de Escavacións e de Belas Artes (1970), vogal do Instituto da Lingua Galega (ILG) (1972), patrón da Fundación Pastor de Estudios Clásicos (1972), director do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos (1972-1976), e desde a súa xubilación director de honra, vicepresidente do Patronato José María Quadrado (1972-1976), vogal executivo do Patronato Saavedra Fajardo (1972-1976), membro do Patronato de la ciudad de Santiago (1975) e conselleiro da Misión Biolóxica de Galicia. No eido da política, foi vogal titular do Tribunal Provincial Contencioso Administrativo (1940-1954), formou parte do organismo provincial de Protección de Menores (1943-1968), exerceu como alcalde de Pontevedra (1959-1968) e foi membro do primeiro goberno galego no que exerceu como conselleiro de Cultura (1982-1983), posto desde o que defendeu o bilingüismo no ensino. Colaborou, entre outras publicacións, con Nós, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Archivos de Arte y Arqueología, El Museo de Pontevedra, Cuadernos de Estudios Gallegos, Revista de Filología Española, Cuadernos del Camino de Santiago, Lar, Encrucillada, Noticiario Arqueológico Hispánico e Grial. A súa obra centrouse no estudo da literatura, a historia, a arte e a etnografía galegas. Entre as súas obras relacionadas coa literatura e a lingüística destacan La cantiga CIII. Noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval (1936), Formas paródicas en la lírica medieval gallega (1947), Camõens (1958), Rosalía de Castro. Poemas (1964), Toponimia regional bilingüe. Galicia (1972), Sobre la lírica medieval gallega y sus perduraciones (1976), Alfonso X e Galicia, unha escolma de cantigas (1980), Estudios sobre lírica medieval. Traballos dispersos (1925-1987) (1992) e Antoloxía do conto galego de medo (1996). Entre as súas obras de historia e arte hai que salientar Los viejos estudios de Pontevedra y la fundación de fray Tomás de Sarriá (1942), Santa María la Mayor, iglesia de los Mareantes (1945), Archivo de Mareantes (1946), Santiago de Compostela. Guía de monumentos e itinerarios (1950), Jenaro Pérez Villamil (1807-1854) (1954), Don Diego Sarmiento de Acuña, primer conde de Gondomar (1966), Rosendo Salvado, el gallego que fundó Nueva Nursia (1970), Ouro nos castros (1973), Estaciones paleolíticas de la provincia de Pontevedra (1975), El almirante pontevedrés Enrique Mac-Donnell y de Gonde (1753-1823) (1982), Armando Cotarelo Valledor (1879-1950) (1984), Baldaquinos galegos (1987) e O Arquivo do Museo de Pontevedra: guía sucinta (1991). No campo da etnografía publicou Exposición de recuerdos gremiales de la fiesta del Corpus (1940), Cancionero Musical de Galicia de Casto San Pedro y Folgar. Reconstitución, introdución y notas bibliográficas (1942-1943), La artesanía en Galicia (1953), Pontevedra, la tierra y sus gentes (1967), Museo de Pontevedra: Exposición de Nadales Gallegos (1967) e Los canteros gallegos (1976). Da súa produción como creador literario sobresaen Os nenos (1925), O vigairo (1927), Agromar. Farsa pra rapaces (1936), Auto de como Santa María foi levada aos ceos pra a festa da Nosa Señora de Agosto (1968) e Quintana viva (1971). Presidente do Consello da Cultura Galega (1990-1996), foi membro da Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario, da Real Academia Galega (1942), da Academia das Sciencias de Portugal, do Instituto de Coimbra (1953), do Deutsches Archaelogisches Institut (1954) e da Academia Brasileira do Folklore (1968); así mesmo, foi membro correspondente da Real Academia de la Historia (1932), da Real Academia de la Lengua (1953), da de Bellas Artes de San Fernando (1971) e do Instituto Histórico do Minho (1926). Conselleiro de número do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) (1948) e membro da delegación galega do mesmo (1943), foi colaborador honorario do Instituto Español de Musicología (1948). Nomeado doutor honoris causa por diferentes universidades, recibiu, entre outros galardóns, a Medalla de Ouro de Pontevedra (1969), a Medalla de Ouro da Provincia de Pontevedra (1977), a Medalla Castelao (1984), o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia, o Premio da Crítica das Letras e das Artes, e   Galego Egrexio pola Fundación Premios da Crítica (1995). Gañou, entre outros premios literarios, o I Premio da Festa da Fala galega (1925), os Xogos Florais de Santiago (1945), o Premio Pérez Lugín (1947), o Premio Nebrija (1950) e o Pedrón de Ouro (1973). Ademais, foi presidente emérito dos centros galegos de Madrid, Santander e Bos Aires, e socio de honra das academias médico-cirúrxicas de Pontevedra e Vigo, do Círculo Mercantil e do Casino de Pontevedra.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Pontevedra

  • Deceso