Filipe II
Rei das coroas de Castela e Aragón (1556-1598), de Portugal (Filipe I; 1580-1596), de Navarra, do Franco Condado, dos Países Baixos, de Sicilia, de Sardeña, do Milanesado e de Nápoles (Filipe I), fillo primoxénito de Carlos I e Isabel de Portugal. Formado nas tarefas de goberno por J. Martínez Silício e J. de Zúñiga, ocupouse desde 1543 da rexencia do país durante as longas ausencias do seu pai. Nese mesmo ano casou con María Manuela de Portugal, da que quedou viúvo ao nacer o seu fillo Carlos de Austria (1545). En 1554 o seu pai casouno coa súa tía, María I de Inglaterra, quen morreu catro anos máis tarde sen darlle descendencia. En 1555, trala abdicación do seu pai, recibiu todos os seus territorios agás os do Sacro Imperio Xermánico. Trala viaxe polos seus territorios europeos (1548-1550) e o xuramento do seu cargo ante as cortes castelás, aragonesas e navarras, trasladouse a Madrid, onde estableceu en 1562 a capitalidade e a corte. O seu reinado caracterizouse por unha marcada tendencia, no plano político administrativo, á centralización da maquinaria estatal e á burocratización e, no relixioso, á loita contra o protestantismo. No eido internacional, continuou o enfrontamento, herdado do reinado do seu pai, con Francia. En 1556 os exércitos casteláns, liderados polo duque de Alba, defenderon Nápoles e o Milanesado das tropas francesas e atacaron os Estados Pontificios aliados de Enrique II de Francia. Os enfrontamentos continuaron na propia Francia e, tralas derrotas das tropas francesas nas batallas de Saint-Quentin (1557) e Gravelines (1558), asinouse o 3 de abril de 1559 o Tratado de Cateau-Cambrésis, polo que se establecía a paz e se acordaba o seu matrimonio coa princesa Isabel de Valois (1559). Malia o tratado, o enfrontamento continuou ata a sinatura da Paz de Vervins (maio 1598), ao intervir nas Guerras de Relixión (1560-1570) para prestar apoio á familia católica dos Guisa contra os hugonotes. Nestes mesmos anos, o avance do calvinismo nos Países Baixos provocou unha serie de disturbios, que xunto coa súa intransixencia ante o protestantismo, levaron a un enfrontamento armado nestes territorios. As vitorias militares do duque de Alba (1567-1572) e os esforzos diplomáticos de Alessandre Farnese (1578-1592) non conseguiron evitar a emancipación e posterior independencia das provincias protestantes do N. A axuda inglesa aos rebeldes holandeses co desembarco dos exércitos ingleses en Flandres, os intereses coloniais da coroa inglesa, os continuos ataques dos corsarios ingleses ás costas americanas e peninsulares, e a execución de María Stuart precipitaron o enfrontamento coa Raíña Isabel I de Inglaterra. En 1588 enviou a Grande Armada coa intención de invadir Inglaterra. Non obstante , a superioridade militar inglesa, xunto coas malas condicións climáticas, levaron á perda da flota e á desfeita da Armada Invencible. Os ataques turcos no Mediterráneo levárono a formar, xunto cos Estados Pontificios e Venecia, a Liga Santa, que infrinxiu unha derrota aos turcos na Batalla de Lepanto (1571). Á morte do Rei Sebastián de Portugal (1580) optou ao trono portugués e foi recoñecido como tal nas Cortes de Tomar (1581). Portugal conservou unha autonomía absoluta e Lisboa chegou a disputar a capitalidade da coroa con Madrid. No eido político, dentro da Península Ibérica tivo que enfrontarse á rebelión dos mouriscos nas Alpujarras (1568-1570) e ao conflito co seu secretario Antonio Pérez, que tras unha breve estancia no cárcere fuxiu ao Reino de Aragón, de onde era orixinario e onde non podía actuar a xurisdución real. O secretario foi acusado entón de herexía pola Inquisición e as tropas castelás entraron en Zaragoza, onde se produciu unha rebelión, ao considerar a presenza das tropas un ataque ás súas constitucións e foros. Enviou, entón, un exército co fin de sofocar os disturbios e nas cortes de Tarazona (1592) cambiou algúns aspectos das leis aragonesas: o monarca nomearía os vicerreis e escollería persoalmente o Xustiza Maior. A Inquisición trouxo un novo campo de acción no ataque dos sospeitosos de doutrinas protestantes e Filipe II prohibiu aos naturais dos seus reinos poder estudar no estranxeiro e mantivo en materia relixiosa unha actitude que ultrapasou a oficial da Igrexa. No eido económico, Castela, sometida á continua presión fiscal que conlevaban as loitas exteriores, continuou o proceso de empobrecemento e a monarquía chegou a declararse en bancarrota en 1575, malia os recursos que lle proporcionaban as colonias americanas, ás que se engadiron os territorios das Filipinas. O comercio con América foi en todo momento insuficiente para cubrir as necesidades das colonias e, a situación de guerra con Inglaterra, foi unha porta aberta ao contrabando inglés naquela zona. Durante o seu reinado establecéronse os límites territoriais do Reino de Galicia e foron creadas sete provincias dependentes dunha Xunta Real do Reino de Galicia. Produciuse, ademais, o traslado da Real Audiencia do Reino de Galicia desde Santiago de Compostela á cidade da Coruña e o establecemento na mitra compostelá do Tibunal da Inquisición (1574), co fin de impedir a entrada en Galicia da herexía protestante. No eido económico caracterizouse polo empobrecemento agrícola e pola grave situación comercial provocada pola cancelación do privilexio, concedido por Carlos I, de comercio dos portos galegos do Mar Cantábrico cos territorios de Ultramar. A súa figura deu lugar na historiografía a interpretacións diverxentes, mentres que a historiografía española presentouno como un bo gobernante, a historiografía anglosaxona desenvolveu ao redor da súa persoa unha lenda negra.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Valladolid -
Deceso
Lugar : El Escorial