Filipe III
Rei das coroas de Castela, Aragón, Portugal (Filipe II), de Navarra, do Franco Condado, dos Países Baixos, de Sicilia, de Sardeña, de Nápoles (Filipe II) e do Milanesado (1598-1621), fillo de Filipe II e Ana de Austria. Casado en 1599 con Margarida de Austria, nai do herdeiro Filipe IV, foi proclamado rei trala morte do seu pai (1598). Desde o primeiro momento confiou todas as tarefas de goberno ao seu amigo persoal F. Gómez de Sandoval-Rojas, duque de Lerma, que se converteu no enlace entre o Consello de Estado, renovado en 1600, e os restantes concellos da monarquía hispánica. En política exterior, nos primeiros anos do seu reinado continuou co enfrentamento coa monarquía inglesa e cos rebeldes holandeses. En 1601 produciuse o intento fallido de desembarco da flota española en Kinsale (Irlanda), pero a chegada ao trono de Xacobe I Stuart e a actividade diplomática do conde de Gondomar permitiron o asinamento dun tratado de paz en Londres en 1604. O enfrontamento cos rebeldes holandeses continuou ata 1607, cando trala derrota da flota española en Xibraltar se asinou a Tregua dos Doce Anos (1609-1621), na que se recoñeceu a independencia das Provincias Unidas. En Italia, os enfrontamentos coa República de Venecia e o ducado de Savoia obrigaron a establecer un novo nó de comunicacións entre a Península Italiana e os Países Baixos a través dos cantóns católicos suízos. Nos ducados do S de Italia continuaron os enfrontamentos cos turcos e fortaleceuse a presenza española nas costas do N de África. Na política interior, produciuse a expulsión dos mouriscos (1609-1614) por medo a que prestasen axuda aos turcos ou mesmo aos franceses. As consecuencias económicas da expulsión foron moi graves ao quedar algúns reinos, como o de València, semidespoboados. O monopolio de reparto de privilexios establecido polo valido e a crise económica, provocada por causa da crise agrícola, da irregularidade dos ingresos das colonias americanas, da alteración sistemática da moeda e dos inxentes gastos da corte e da administración, levaron á substitución do duque de Lerma polo seu fillo, o duque de Uceda. En 1618, o apoio da coroa hispánica ao rei de Bohemia puxo fin o relativo período de paz en Europa e deu inicio á Guerra dos Trinta Anos. No Reino de Galicia o inicio dun período de paz coas grandes potencias marítimas europeas produciu o aumento da actividade comercial dos portos galegos do Mar Cantábrico, mentres que no interior a crise agraria e a epidemia de peste, que se desenvolveu entre 1596 e 1602, provocaron unha caída demográfica.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Madrid -
Deceso