Filipe IV

Filipe IV

Rei das coroas de Castela, Aragón (1621-1665), Portugal (Filipe III; 1621-1640), Navarra, Franco Condado, Países Baixos, Sicilia, Sardeña, Milanesado e Nápoles (Filipe III), fillo de Filipe III e Margarida de Austria. Casado por primeira vez con Isabel de Borbón (1615), continuou co goberno de validos co conde-duque de Olivares (1621-1643) e con L. Méndez de Haro (1643-1661). Na política exterior, a monarquía hispánica implicouse plenamente na Guerra dos Trinta Anos (1618-1648), ao ofrecer aos Habsburgo austríacos axuda militar e económica, e desde 1621 reanudou o seu enfrontamento con Holanda. Despois duns primeiros anos de vitorias como a dos tercios de Flandres en Breda (1625), a intervención de Francia no conflito e as vitorias holandesas en Bois-le-Duc (1629) e Maastricht (1632), levaron á monarquía hispánica a buscar unha solución pola vía diplomática. No eido da política interior, o conde-duque de Olivares tentou unha reforma financeira e tributaria baseada nas ideas dos arbitristas. Presentouse ás Cortes a Unión de Armas, que pretendía crear un exército de carácter permanente pagado por todos os reinos da coroa e que constituía o primeiro paso para a aceptación nos demais reinos dos usos casteláns. O proxecto non agradou en Aragón e Catalunya e, aínda que o monarca xurou en 1626 as cortes destes reinos, rexeitaron calquera tipo de cooperación militar e limitáronse a conceder axuda económica. O fracaso desta iniciativa e a eminente ruína da facenda real levou ao monarca á creación de novos tributos, a retención da metade das rendas dos xuros e a confiscación do ouro dos particulares que chegaba desde as posesións de Ultramar ao porto de Sevilla. En 1640 a situación político e económica do país agravouse ao estalar as rebelións en Catalunya e Portugal. A Guerra dels Segadors (1640-1652) foi un levantamento popular en toda Catalunya como consecuencia dos abusos dos tercios casteláns que loitaran no Rosellón e no que se produciu o asasinato do vicerrei e a proclamación en 1641 dunha república catalá dependente do monarca francés. Os portugueses, que non aceptaran a súa integración na monarquía hispánica, aproveitaron a conxuntura económica e política para abrir unha nova fronte e iniciar unha guerra de fronteiras, apoiados discretamente por Francia e Inglaterra, e que finalizou coa independencia de Portugal. A gravidade da situación política obrigou ao monarca a prescindir do conde-duque de Olivares e substituílo por L. Méndez de Haro, que logrou establecer a paz en Catalunya e acabar coas loitas europeas mediante a Paz de Westfalia (1648), na que se recoñecía a independencia de Holanda, e o Tratado dos Pireneos (1659), no que se entregou a Francia o Rosellón, algunhas prazas de Flandres e parte de Sardeña a cambio de Catalunya. No Reino de Galicia, o reinado de Filipe IV caracterizouse polas continuas levas que tiveron lugar en 1625 ante a posibilidade dun ataque inglés, en 1639 ante un posible ataque francés e en 1662 pola guerra con Portugal e que deu lugar ao motín da cidade da Coruña. Produciuse tamén nestas datas a creación do Batallón Literario compostelán para defender as prazas galegas raianas ante o perigo portugués. No eido político, as xestións realizadas polos sucesivos condes de Lemos permitiron o 17 de marzo de 1622 a recuperación para Galicia do voto en cortes e a construción, entre 1625 e 1633, dunha escuadra para protección e defensa das costas galegas. Trala súa morte a coroa pasou á súa segunda muller, Mariana de Austria, rexente do seu fillo e único herdeiro, Carlos II, pois en 1646 morrera o seu primoxénito o príncipe Baltasar Carlos.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Valladolid

  • Deceso

    Lugar : Madrid