Filipinas
Estado do SL de Asia, formado polo arquipélago homónimo, ao NL de Borneo. Limita ao N co estreito de Luzón, que o separa de Taiwán, ao L co Océano Pacífico, ao S co mar de Célebes e ao O co Mar da China Meridional (300.076 km2; 75.967.000 h [2000]). Está formado por máis de 7.000 illas, as máis grandes son a de Luzón, ao N, e Mindanao, ao S, seguidas por nove illas consideradas medianas (Samar, Negros, Palawan, Panay, Leyte, Mindoro, Cebu, Bohol e Masbate). Estas once illas representan o 92% do territorio de Filipinas. Esténdese entre os 21° e 5° de latitude N e os 116° e 127° de lonxitude L. A capital é Manila.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
Morfoloxicamente, Filipinas é o resultado de movementos oroxénicos recentes, debido á súa situación nunha área de subdución xeolóxica, onde a codia terrestre se funde e dá lugar á aparición de relevos moi montañosos e profundas fosas mariñas. Así, a maioría das illas son de orixe volcánica, con cumios montañosos parcialmente somerxidos. En xeral, os sistemas montañosos filipinos esténdense de N a S, paralelos á costa. Os terremotos son bastante frecuentes e existen máis de 20 volcáns activos. Nas illas máis pequenas as montañas forman unha espiña dorsal que constitúe o seu trazo topográfico máis destacado. As illas de Luzón e Mindanao teñen un relevo máis diverso. Luzón está formada por unha serra principal, Sierra Madre, con dirección N-S, resultado dos dobramentos alpinos. Mindanao presenta un esquema máis complexo: ao L a serra de Dinata domina a chaira litoral, o N está ocupado polo val de Agusan e ao O domina o volcán de Apo, de 2.954 m de altitude. O S da illa está ocupado por un altiplano basáltico, onde abundan as formacións lacustres. As costas de todas as illas son moi irregulares, cunha lonxitude total de 36.290 km.
Hidrografía e climatoloxía
As illas maiores están atravesadas por grandes ríos, algúns dos cales son navegables. Entre os máis longos destacan o Cagayan, en Luzón, e o Río Grande e Agusan, en Mindanao. As illas Filipinas localízanse na zona tropical e rexistran temperaturas medias anuais de 27°C. As precipitacións acadan os 2.030 mm anuais nas terras baixas. A estación das chuvias coincide co monzón de verán de maio a novembro, cando os ventos sopran do SO. A estación seca desenvólvese durante o monzón de inverno, de decembro a abril, cando os ventos sopran do NL. De xuño a outubro os tifóns chegan ocasionalmente ás illas e causan graves danos.
Medio ambiente natural
Orixinariamente a maior parte de Filipinas presentaba unha vexetación típica pluvisilva moi exuberante, substituída na costa por manglares. Estes bosques sufriron unha forte presión por parte do home que provocou unha redución de ata o 70% da súa extensión durante o s XX. Entre a fauna destaca a presenza de máis de 760 especies de aves.
Xeografía económica
Economía
A economía de Filipinas está dominada pola agricultura. Segundo a Constitución, todo o espazo cultivable, así como a auga, son de dominio público. Todos os recursos naturais son propiedade do Estado e só os cidadáns filipinos e as organizacións controladas por estes poden explotalos. O acordo firmado en 1948 estendeu os dereitos de explotación aos cidadáns dos EE UU. O PIB é de 78.938 millóns $ USA (1998), o que supón unha renda per cápita de 1.050 $ USA (1998). En 1992, o presidente Fidel Ramos comezou un proceso de liberalización económica co fin de erradicar a pobreza nun prazo de dez anos. Pero, malia o crecemento económico do 3,9% en 2000, as expectativas non se cumpriron. O índice de paro creceu un 11,2% nos últimos anos (9,3% [2000]), os investimentos estranxeiros baixaron e a débeda exterior aumentou un 50% (47.817 millóns $ USA [1998]). A inflación en 1999 era do 6,7%. A moeda oficial é o peso filipino.
Recursos e sectores de actividade
A agricultura e a gandería ocupan o 39% da poboación activa. Os principais cultivos son a cana de azucre, as noces de coco e o arroz. Tamén son importantes os cultivos de mandioca, bananas e millo. A agricultura para a exportación ten un volume importante: Filipinas é o segundo produtor mundial de cocos, terceiro de bananas e oitavo de café. En canto á gandería, destaca a cría de gando bovino e os búfalos, que se empregan como forza de traballo agrícola. O bosque cobre o 45,3% do territorio, pero os recursos forestais están pouco explotados. En canto aos recursos mineiros destaca a produción de ouro, níquel, cobre e carbón. En 1978 descubríronse depósitos de petróleo que abastecen o 26% do consumo interior. O sector industrial experimentou un forte crecemento dende a década de 1950. Os alimentos elaborados, produtos téxtiles e tabaqueiros, constitúen a maior parte da produción. Tamén proporcionan importantes ingresos a fabricación de mobles, artigos eléctricos e equipamentos para transporte. En 1990, en canto á produción industrial, destacan o refinado de 17.000.000 t de azucre e 64.000.000 t de cemento. O sector secundario dá emprego ao 15% da poboación activa. En 1997, a produción eléctrica era de 11.149.000 kW. Aproximadamente, o l0,75% da electricidade xérase en instalacións hidroeléctricas, o 19% provén de recursos xeotérmicos e o resto prodúcese en centrais térmicas queimando petróleo refinado e carbón. Na década de 1980 formuláronse varios proxectos hidroeléctricos para reducir o gasto nas importacións de petróleo.
Comercio exterior
Filipinas ten unha balanza comercial positiva. No 2000 as importacións anuais foron de 33.808 millóns $ USA e as exportacións de 39.783 millóns $ USA. As principais importacións son o petróleo, a maquinaria, o equipamento de transportes, os metais, os produtos químicos, os alimentos e os produtos téxtiles. As exportacións máis destacadas son as de compoñentes eléctricos e electrónicos, o aceite de coco, o azucre sen refinar e a madeira. Os principais socios comerciais son os EE UU, Xapón, Alemaña e Taiwán.
Transportes e comunicacións
Malia a dificultade do terreo, Filipinas conta con 161.313 km de estradas, das cales o 14% están asfaltadas. Só existe unha illa con ferrocarril, Luzón, que conta con 897 km de vías. O principal aeroporto internacional é o de Manila. Conta con 3.219 km de vías navegables internas (1995). Os principais portos marítimos son os de Manila e Cebu.
Xeografía humana
Demografía
O crecemento natural filipino é un dos máis elevados de Asia, 20,9‰ (2000), debido a un índice de mortalidade baixo (5,9% [2000]) e a unha natalidade que se mantivo constante nos últimos anos (26,8% [2000]). Na estrutura por idades no 2001, o 38,87% da poboación ten menos de 15 anos, o 59,45% entre 15 e 64 e o 3,68% máis de 60. Estes signos de vitalidade demográfica contrastan cunha emigración cara ao exterior moi significativa: calcúlase que máis de 6 millóns de filipinos traballan fóra do país, esencialmente no Suéste Asiático, Oriente Medio e EE UU, aínda que tamén en España constitúen unha das colonias de inmigrantes tradicionalmente máis significativas.
Poboamento
Malia que a densidade media de poboación é moi elevada (253 h/km2 [2000]), a distribución é moi desigual, con grandes áreas deshabitadas e outras cunha poboación moi intensa. En 2000, o 58% da poboación vivía en núcleos urbanos. As principais cidades, ademais da capital, Manila (1.654.761 h [1995]), son: Caloocan (1.023.159 h [1995]), Davao (1.008.640 h [1995]), Quezon (1.989.419 h [1995]), Cebu (662.299 h [1995]) e Pasay (408.610 h [1995]).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Os actuais filipinos, descendentes na súa maioría de invasores malaios, divídense segundo a súa relixión e lingua. Os máis importantes numericamente son os visaya, que viven na parte central do arquipélago, e os tagalos, que habitan o centro de Luzón. Os ilocanos, o terceiro grupo máis numeroso, vive no val do Cagayan, na illa de Luzón. Os grupos non malaios están constituídos por descendentes chineses e españois. Na parte meridional do arquipélago hai dous grupos musulmáns. En xeral, a poboación está constituída na súa maioría por malaios (50%), indonesios (30%), chineses (10%) e indios (5%). O 84% da poboación é católica, o 4,6% musulmá e o 3,9% protestante. A lingua oficial é o tagalo (ou filipino); o inglés, implantado durante a ocupación estadounidense, fálao unha gran parte da poboación e incluso se emprega habitualmente na administración e nos medios de comunicación; tamén unha importante porcentaxe da poboación fala linguas indíxenas do phylum austronesio, familia malaio-polinesia, como é, por exemplo, o cebuano (ou visayo), ilocano, ilonggo e kapampanga. Houbo unha forte presenza do castelán, pero no s XX o seu uso retrocedeu. Tamén se fala o chabacano, crioulo de base castelá, que diferenza ademais cinco variedades (caviteño, ternateño, devaeño, cotabateño e zamboangueño). A educación é obrigatoria entre os 6 e 12 anos e, desde 1974, é bilingüe (inglés e filipino). Segundo datos de 1998, 12 millóns de alumnos están matriculados en escolas primarias e 4 millóns en secundarias.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Filipinas entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 70º posto cun índice do 0,749). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 69 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 95,0% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 82%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 3.805 $ USA.
Goberno e política
República independente dende o 12 de xuño de 1946, segundo a Constitución do 2 de febreiro de 1987 o poder executivo reside no presidente, que reúne os cargos de xefe do estado e cabeza do goberno, elixido por votación popular para un período de seis anos sen posibilidade de reelección. O lexislativo está constituído por un Kongreso (congreso) bicameral formado pola Kapulungan Mga Kinatawann (Cámara de Representantes) que conta con 260 membros que se elixen para un período de tres anos, repartidos entre 208 escanos elixidos por votación directa e 52 designados polas listas dos partidos segundo un sistema de representación proporcional; e polo Senate (Senado) formado por 24 membros que se elixen para un período de seis anos segundo un sistema de representación proporcional e que se renovan por metades cada tres anos. O sistema xudicial baséase nas leis españolas e nas angloamericanas. O órgano supremo é a Corte Suprema, formada por membros nomeados polo presidente para un período de catro anos. Nun nivel inferior sitúanse as Corte de Apelacións espalladas por cada unha das 12 rexións de Filipinas e unha na capital, os Tribunais Rexionais e os Tribunais Municipais. Acepta con reservas a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza. Está en vigor a pena de morte. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional; Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno, relativo á participación de nenos nos conflitos armados; Protocolo Facultativo da Convención sobre a Eliminación de todas as Formas de Discriminación Contra a Muller; Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); e Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes. O seu sistema político, baseado no multipartidismo, agrupa as formacións en dúas grandes coalicións: a People Power Coalition (PPC), que inclúe entre outras forzas a Aksyon Demokratiko (AD, Acción Democrática) de Raul Roco; Lakas ñg Edsa-National Union of Christian Democrats (LE-NUCD, Poder Popular-Unión Nacional de Cristiano-Demócratas), liderado por Gloria Macapagal Arroyo; e Liberal Party (LP, Partido Liberal), dirixido por Florencio Abad. A outra gran coalición é a Puwersa ñg Masa (PM, Forza das Masas) formada, entre outros grupos, por Laban ñg Demokratikong Pilipino (PDP, Partido Democrático Filipino), liderado por Eduardo Angara; Laban ñg Masang Pilipino (LAMP, Partido do Pobo Filipino) de J. Estrada. Existen ademais outros grupos minoritarios como a United Muslim Democratic Party (Partido Democrático dos Musulmáns Unidos). Así mesmo, existen diversas organizacións guerrilleiras nas illas do Sur, como a Fronte Moro de Liberación Islámica (MILF), un movemento islámico que se creou en 1973 no territorio Bangsamoro de Mindanao e nas illas veciñas como escisión da Fronte Moro de Liberación Nacional (MNLF). O grupo Abū Sayyaf é un grupo islámico radical que se escindiu da Frente Moro de Liberación Nacional en 1991 e está dirixido por Abdurajik Abubakar Janjalani. Entre as actividades de Abū Sayyaf inclúense os atentados con bomba, os asasinatos, os secuestros por rescate e a extorsión. Filipinas forma parte dos seguintes organismos internacionais: Organización Mundial do Comercio (OMC), Banco Mundial (BM), Fondo Monetario Internacional (FMI) e Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN).
Historia
A orixe do poboamento
Os primeiros testemuños dunha cultura neolítica filipina localizáronse na rexión de Tagalog Meridional, vinculada coa chegada de poboadores de orixe indonesia que introduciron o cultivo do arroz ao redor do 3000 a C. Cara ao 1000 a C chegou un novo grupo de indonesios que completaban a súa dieta coa caza e a pesca, e que empregaban o bambú para elaborar recipentes de cociña, polo que non deixaron mostras de cerámica. Posteriormente, a chegada de poboadores malaios a partir do s II a C, procedentes de Malaisia ou do golfo de Tonquín, introduciron no N da illa de Luzón os métodos de cultivo do arroz nas terras altas, xunto con sistemas de regadío, animais domesticados como galiñas e búfalos, e o emprego do ferro. Producíronse novas achegas de poboación de orixe malaia entre os ss I e XIII, e de novo entre os ss XIV e XVI, que definiron a cultura, as leis e o goberno das Filipinas. Recibiron ademais as influencias dos reinos de Srīvijaya en Sumatra (ss V-XIII) e de Madjapahit en Xava (ss XIII-XV). A partir do s XIII os navegantes de orixe musulmá impuxeron o seu dominio sobre o S do arquipélago, mentres que o N permaneceu vinculado a China e Xapón. A unidade político-social e económica básica era o barangay, unha comunidade formada por un número variable de familias, entre 30 e 100, dirixidas de xeito case absoluto por un rei ou datu e os seus parentes, que formaban o grupo dos privilexiados. O grupo maioritario estaba formado polos traballadores ou cailianes, e por debaixo situábanse os escravos ou aliping. A comezos do s XV os musulmáns establecéronse definitivamente en Mindanao e no 1640 Abū Beker fundou o sultanato das Illas Sulu.
O descubrimento e conquista polos españois
O dominio español sobre esta rexión comezou no s XVI trala chegada ás Illas Filipinas de Magalhães (1521), que morreu en combate cos indíxenas. Seguiuno no 1543 Ruy López Villalobos, pero non foi ata a chegada de Miguel López de Legazpi á illa de Cebu (1565) cando comezou a ocupación colonial. Dende Cebu enviou unha expedición encabezada por Martín de Goiti para percorrer a baía de Manila, que nese momento constituía un dos primeiros centros comerciais de Asia sudoriental, na que compartían o goberno os raxás Suleiman e Lakandola. M. López de Legazpi conquistou a cidade de Manila en xuño de 1571, despois de derrotar o raxá Suleiman na Batalla de Bangkusay, e deixou a administración de Manila e da illa de Luzón nas mans da orde dos agostiños. Deste xeito estableceuse a dualidade no poder entre as autoridades político-militares e as eclesiásticas, que definiu a historia de Filipinas nos séculos seguintes. Malia que M. López de Legazpi se fixo co dominio do país a partir do 1572, os igorrotes da rexión do N e a poboación islámica da illa de Mindanao nunca foron totalmente sometidos, e a maior parte da poboación rural conservou o seu xeito de vida tradicional e non pagou tributos aos europeos. A Coroa de Castela aplicou o mesmo sistema administrativo que nas colonias de América e a terra, propiedade do rei, repartiuse parcialmente entre os colonos e a Igrexa, segundo o sistema de encomendas. Como consecuencia, a Igrexa converteuse no principal propietario do arquipélago. A estrita regulación do tráfico comercial, mediante o denominado galeón de Manila con destino a Acapulco, comezou en 1565, favoreceu o dominio do latifundismo e obstaculizou o desenvolvemento de iniciativas comerciais. No s XVIII declinou o comercio con Nova España e emprendéronse novos sistemas de comercio restrinxido. A cidade de Manila foi conquistada polos británicos en 1752 e permaneceu no seu poder ata 1764, despois da Guerra dos Sete Anos. A partir do goberno de Carlos III emprendéronse un conxunto de reformas que buscaban a reorganización de Filipinas como unha moderna colonia, polo que se liberalizou o comercio con España ao tempo que se introduciron cambios na fiscalidade e na administración, e incentiváronse as actividades agropecuarias. Estas medidas, acompañadas da extensión do cultivo de tabaco como monopolio do goberno, permitiron un desenvolvemento da economía e un incremento nos ingresos do goberno e das elites indíxenas. O rexeitamento do dominio colonial entre a poboación indíxena orixinou o seu establecemento nas rexións selváticas e montañosas. Unha das rebelións máis importantes foi a liderada por Francisco Dagohoy, que tivo lugar no 1744 na illa de Bohol. Cando foi sometido, en 1827, a súa comunidade de sublevados reunía máis de 30.000 persoas. As contraditorias medidas do goberno de Godoy, durante o reinado de Carlos IV, a crise provocada pola invasión francesa e o proceso de independencia das colonias americanas afectaron á economía das Filipinas, que trala supresión do galeón de Manila polas Cortes de Cádiz (1813), viuse illada do comercio español, ao tempo que se paralizaron as medidas reformistas emprendidas no s XVIII. Como consecuencia, Manila converteuse nun porto franco (1837) que pasou a depender do comercio dos EE UU e do Reino Unido. En 1841 produciuse unha importante rebelión, encabezada por Apolinario de la Cruz e a Cofradía de San José, na que se mesturou o catolicismo cunha marcada mensaxe redentora, xunto con elementos animistas e o tradicional rexeitamento do modelo colonial. Na década de 1840 a economía do arquipélago reactivouse cunha mellora nas comunicacións e emprendeuse a modernización na administración e na xestión tributaria. Durante as décadas de 1850 e 1860 a colonia acadou o seu apoxeo material, inaugurouse o Banco Español Filipino e estendeu as súas fronteiras cara ao S; pero, estas melloras non foron acompañadas pola equiparación xurídica da colonia. Esta situación xerou descontento entre os privilexiados locais, que reclamaban a participación no goberno e unha certa autonomía, mentres que dende España se concentraron os poderes civil e militar na figura dun gobernador xeral. Os intentos reformistas do Sexenio Revolucionario (1868-1874) chegaron a Filipinas baixo o gobernador xeral Carlos María de la Torre (1869-1871), pero coa Constitución de 1876 volveuse á situación de discriminación anterior.
A loita pola independencia de España
Os movementos independentistas apareceron na década de 1870 cando un grupo de fillos das elites locais, formado por Marcelo H. del Pilar, Graciano López Jaena, Juan Luna e José Rizal, marcharon a estudar a Europa trala apertura da canle de Suez (1869) e recibiron a influencia das ideas nacionalistas que se estendían polo continente. En 1891, José Rizal fundou a Liga Filipina, unha asociación secreta con obxectivos reformadores, pero foi encarcerado e deportado á illa de Mindanao (1892). Ao mesmo tempo, fundouse a sociedade secreta e radical Katipunan, liderada por Andrés Bonifacio, co obxectivo de loitar pola independencia de Filipinas. Este movemento, de carácter máis radical e popular, integrou a numerosos elementos do campesiñado indíxena e defendeu a renuncia a todo o que tivese connotacións hispánicas. O movemento Katipunan recrutou a numerosos seguidores, que protagonizaron unha rebelión na illa de Luzón en agosto de 1896. O exército contivo os sublevados co apoio de elementos indíxenas doutras illas, e trala chegada do gobernador Camilo García de Polavieja, emprendeuse unha política de represión e fusilouse a J. Rizal (30.12.1896). Malia a vitoria de Cavite, a táctica guerrilleira dos filipinos prolongou a campaña ata a chegada dun novo gobernador, Fernando Primo de Rivera, que negociou cos rebeldes e acadou a súa rendición a cambio de reformas políticas e unha amnistía xeral. Trala derrota da flota española e os ataques dos EE UU sobre as defensas de Manila, as tropas españolas foron derrotadas pola alianza entre estadounidenses e filipinos do Katipunan. Conquistaron Manila en agosto de 1898 e, polo Tratado de París (10.12.1898), España vendeulles aos EE UU as Illas Filipinas, Puerto Rico e a illa de Guam.
O dominio dos EE UU
Os filipinos, que loitaran pola súa independencia, protestaron pola anexión aos EE UU e proclamaron a República de Filipinas (23.1.1899). A guerra filipino-norteamericana (1899-1902) prolongouse en moitas rexións ata 1906, e nas illas do S, de maioría musulmana, estendeuse ata 1913. En 1916, o presidente Wilson concedeulles a autonomía e constituíuse un Parlamento bicameral. En 1934, o presidente Franklin D. Roosevelt asinou unha lei que autorizou a independencia das illas, a redacción dunha Constitución e o establecemento dun goberno conxunto durante un período de dez anos. O presidente do Senado, Manuel Quezón, foi elixido presidente o 17 de febreiro de 1935. Durante a Segunda Guerra Mundial, a cidade de Manila foi bombardeada polos xaponeses, que destruíron importantes monumentos como a igrexa de Santo Domingo. A invasión xaponesa enfrontouse coa defensa dos estadounidenses e dos grupos guerrilleiros, como o Hukbo ñg Bayan Laban sa Hapon (HUKBALAHAP, Exército Popular Antixaponés), froito da fusión entre o Partido Comunista das Filipinas e o Partido Socialista, que foron derrotados en sucesivas batallas. Trala derrota do xeneral estadounidense Jonathan Wainwright en Corregidor (6.5.1942), os xaponeses apoderáronse do arquipélago. A batalla naval do golfo de Leyte (24.10.1944) abriu o camiño á derrota dos xaponeses no arquipélago. A reconquista das illas durante a Segunda Guerra Mundial permitiu que o HUKBALAHAP se fixera co poder na rexión central da illa de Luzón.
A independencia de Filipinas e a ditadura de Ferdinand E. Marcos
O 4 de xullo de 1946 proclamouse a independencia política da República de Filipinas con Manuel Roxas como presidente. Non obstante , Filipinas continuou dominada económica e militarmente polos estadounidenses, especialmente trala firma do Tratado de Relacións Xerais, polo que os EE UU conseguiron o dereito a construír e ocupar bases militares no arquipélago durante un período de 99 anos. O goberno de Filipinas quedou sometido a un réxime oligárquico dominado polo Partido Nacionalista, que se enfrontou ao movemento guerrilleiro revolucionario dos HUKBALAHAP ata 1954. Trala morte do presidente M. Roxas (17.4.1948), sucedéronse os gobernos de Elpidio Quirino, Ramón Magsaysay, Carlos P. García e Diosdado Macapagal. Mentres, os colonos cristiáns, apoiados polo goberno filipino, emprenderon unha campaña de limpeza étnica contra os propietarios de terras de orixe musulmana. En 1966, Ferdinand E. Marcos foi elixido presidente e, trala súa reelección como presidente no 1969, impuxo a lei marcial (21.9.1972) como resposta ás accións das guerrillas comunistas e musulmanas. Disolveu o Kongreso, prohibiu os partidos políticos e perseguiu os opositores ao réxime. O conflito cos musulmáns rematou nunha guerra civil e constituíronse diversos grupos guerrilleiros, entre os que sobresaíu a Fronte Moro de Liberación Moro Nacional (MNLF), constituído no 1973 na illa de Mindanao, de carácter nacionalista e de esquerdas. Nese ano promulgouse unha nova Constitución e o MNLF proclamou un estado musulmán independente. A mediados da década de 1970, coa mediación de Libia, chegouse a un acordo de paz entre o goberno filipino e a FNLM polo que Nur Misuari, o líder do FLNM, se integraba no goberno, as forzas rebeldes pasaban a formar parte do exército nacional e as rexións musulmanas do S de Filipinas accederon á autonomía. Nas eleccións lexislativas fraudulentas de 1978 o partido de Ferdinand E. Marcos acadou a maioría e aboliu a lei marcial (17.1.1981), pero conservou o poder de gobernar por decreto. As organizacións políticas e sindicais uníronse no boicot aos comicios presidenciais de xuño de 1981, pero o ditador Ferdinand E. Marcos foi confirmado no cargo. En setembro dese ano os grupos opositores manifestáronse en Manila esixindo a fin da ditadura e a retirada das bases militares norteamericanas. Mentres, aumentaron as desigualdades sociais e a degradación do réxime chegou ao asasinato do líder opositor Benigno Aquino cando volvía do seu exilio nos EE UU (21.8.1983). Este feito orixinou un importante movemento popular e a unión da oposición, que acadou bos resultados nas eleccións ao Kongreso do 1984, malia a fraude gobernamental. En abril de 1985 apareceron movementos opositores no exército, descontentos coas intervencións de F. E. Marcos.
A recuperación da democracia
Fronte ao clima de violencia e represión xurdiu un movemento popular que presionou a F. E. Marcos, esixiu eleccións anticipadas e apoiou a candidatura de Corazón Aquino, viúva do líder asasinado, nas presidenciais do 25 de febreiro de 1986. O ditador rexeitou a vitoria de C. Aquino pero, ante a reacción popular, Marcos marchou ao exilio. C. Aquino asumiu a presidencia co apoio de toda a oposición democrática e dun amplo sector do exército. Ao longo do seu mandato acometeu diversas reformas, decretou a amnistía dos presos políticos, disolveu o Parlamento, aboliu a Constitución de 1973, iniciou conversas coa guerrilla comunista e islámica, e pola lei de 1988 realizou unha nova reforma agraria. Trala aprobación por referendo dunha nova Constitución democrática no 1988, nas eleccións dese ano acadou a vitoria a coalición centrista Lakas ñg Bayang, liderada por C. Aquino. Malia que lles concedeu a autonomía, continuaron as loitas coas guerrillas comunista e musulmá de Mindanao mentres que se produciron diversos intentos de rebelión por parte de elementos do exército fieis ao ex-ditador Marcos entre 1986 e 1990. Nas eleccións de xuño de 1992 venceu a coalición LE-NUCD e o xeneral Fidel Ramos accedeu á presidencia cun programa de reformas económicas, apertura e privatizacións. Durante o seu mandato os americanos abandonaron as bases de Clark e Subic. Despois do incremento na actividade dos grupos guerrilleiros separatistas e musulmáns nas illas do S durante a década de 1990, en setembro de 1996 o goberno de F. Ramos asinou un acordo de paz coa MILF, no que se incluía a asistencia económica, e establecía a Zona Especial para a Paz e o Desenvolvemento (SZPD) nas provincias da illa de Mindanao. Outros grupos rebeldes, como a Fronte Nacional Democrática, de inspiración marxista, o MILF, e o grupo Abū Sayyaf, mantiveron a resistencia armada, malia que en 1997 e 1998 se acadaron acordos parciais para iniciar conversacións de paz. As transformacións na economía non foron suficientes para mellorar a situación do país. En 1997 tentou enmendarse a Constitución para permitir a F. Ramos un segundo mandato consecutivo pero C. Aquino e o cardeal J. Sin opuxéronse. Nos comicios de 1998 venceu o populista Joseph Estrada, vicepresidente durante o mandato de Ramos, mentres os disidentes islámicos incrementaban a súa actividade terrorista cunha campaña de secuestros nas illas de Basilán e Joló. O presidente J. Estrada impulsou un achegamento económico a Xapón e outros países da área do Pacífico, e a finais de 1999 emprendeu unha guerra contra o MILF e o movemento Abū Sayyaf en Mindanao Central. A postura enérxica fronte ao conflito permitiulle ao presidente J. Estrada incrementar a súa popularidade, pero os elevados custos da guerra, ao redor de 24 millóns de dólares por día para un conflito que se prolongou seis meses, afectaron negativamente á economía. En novembro de 2000, o Senado iniciou un proceso por corrupción contra J. Estrada, que se viu obrigado a dimitir polas masivas demostracións de protestas populares. Sucedeuno no goberno a súa vicepresidenta Gloria Macapagal Arroyo en xaneiro de 2001, apoiada por unha revolta liderada pola Igrexa Católica, as clases medias e o exército. En abril, a Corte Suprema confirmou os cargos contra J. Estrada e a presidenta G. Macapagal Arroyo retiroulle a inmunidade presidencial. Os ataques continuados do grupo guerrilleiro Abū Sayyaf contra obxectivos turísticos orixinou o envío dun continxente de 5.000 soldados en maio de 2001 para limitar as súas accións. Despois do atentado terrorista do 11 de setembro de 2001 en Nova York, o goberno filipino conseguiu a axuda dos EE UU en xaneiro de 2002 para eliminar o grupo Abū Sayyaf.