filipino -na
(< topónimo Illas Filipinas)
-
adx
Relativo ou pertencente a Filipinas ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Filipinas.
-
s
m
[LING]
Lingua nacional e oficial de Filipinas, por estandarización do tagalo.
-
arte filipina
[ARTE]
Arte desenvolvida nas Illas Filipinas. Coa conquista española introduciuse en primeiro lugar a arte barroca. En Manila construíronse a fortaleza de Santiago (1582) e a igrexa de Santo Domingo (1615). No s XIX destacou a obra neogótica de Felipe Roxas e a catedral neobizantina de Manila de Hervás; no s XX sobresae a obra de P. Antonio e C. Argüelles. A escultura iniciouse coa imitación da imaxinería castelá pero a partir do s XIX acadou valor propio con M. Asunción, J. Arévalo e J. Alcántara. A pintura desenvolveuse no s XIX coa creación da Escuela Superior de Bellas Artes de Manila; no s XX destacaron D. Lorenzo, A. García Llamas e R. A. Ocampo.
-
literatura filipina
[LIT]
Literatura desenvolvida en Filipinas e escrita en tagalo, castelán e inglés. Produciu obras en tagalo dende o s XVI, en castelán destacou José Rizal e na literatura en inglés sobresaen as narracións curtas e as novelas.
-
música filipina
[MÚS]
Arte musical desenvolvida en Filipinas. Os expedicionarios de Magalhães (1521) documentaron instrumentos musicais autóctonos e a actividade musical principal eran as danzas rituais.