Finisterre

Finisterre

Publicación mensual editada en Pontevedra a partir do 1 de setembro de 1943. Subtitulouse “Revista de Galicia”. A partir de xaneiro de 1946 pasou a editarse en Madrid. Fundada e dirixida por Emilio Canda, na súa redacción tivo unha participación moi destacada Celso E. Ferreiro. Trátase da primeira publicación da posguerra que inseriu textos en galego. Ademais de informacións de actualidade, crónicas, biografías e pasatempos, incluíu recensións literarias e creacións en prosa e verso. En canto á temática, tocou temas relacionados coa antropoloxía, a historia, a literatura, a xeografía, a música, o teatro e as ciencias. No apartado fotográfico, reproduciu imaxes de Ksado, Chao e Pacheco. Entre xaneiro e decembro de 1947 (nº44), comezou unha segunda época baixo a dirección de Leopoldo E. Palacios.