finlandés -sa

finlandés -sa

(< topónimo Finlandia)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Finlandia, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Finlandia.

  3. s m [LING]

    Lingua do phylum urálico da familia finoúgria. Os primeiros textos escritos en finlandés proceden de mediados do s XVI e, en 1958, tradúcese a parte da Biblia que corresponde ao Novo Testamento. No s XVII, cando Finlandia pasou a formar parte de Suecia, o finlandés deixou de ser lingua nacional e o sueco pasou a ser a lingua da administración e da cultura. Co inicio da Revolución Rusa (1917), Finlandia independízase. É a lingua oficial de Finlandia, pero tamén se fala na República de Carelia, Rusia e Suecia. Escríbese en alfabeto latino. Entre os trazos máis característicos do finlandés, cómpre destacar un sitema de oito vocais /i e ä y ö u o a/ e coñece a harmonía vocálica e trece consoantes /k t p d m n n r l s h j v/, que se ven afectadas pola gradación, é dicir, que cando unha consoante forte inicia unha sílaba, debilítase noutra menos forte; non hai distinción de xénero nos nomes, pero si que se conxugan en quince casos; a estrutura morfolóxica achégase á das linguas flexivas; e o verbo ten unha soa conxugación en catro modos (indicativo, imperativo, condicional e potencial), dúas voces e non ten futuro.

  4. arte finlandesa [ARTE]

    Arte desenvolvida en Finlandia. Non se conservan construcións arquitectónicas anteriores ao s XII; os primeiros exemplos son igrexas rurais construídas en ladrillo que, xunto coa madeira, son os principais materiais construtivos, e dos que destaca a catedral de Tarku (S XIV). Empregáronse a bóveda estrelada, importada de Alemaña, e os campanarios illados de madeira, importados de Suecia. As formas góticas prevaleceron e ata o s XVII non se localizan elementos clásicos. Empregaron a planta cruciforme e a centralizada. En 1817 trazouse un novo plano para o centro de Helsinqui baseado nunha praza central rodeada de edificios, obra de Carl Ludwig Engel (1778-1840). Os escultores formados en París dende 1870 recibiron a influencia de F. Rude, J. B. Carpeaux, A. Rodin e E. A. Bourdelle. No eido da pintura, Estocolmo, lugar de formación na primeira metade do s XIX, foi substituído por Düsseldorf, e despois por París, onde Albert Edelfelt (1854-1905) recibiu a influencia do Manet preimpresionista. Akseli Gallen-Kallela (1865-1931) foi o iniciador da arte moderna e a encarnación na arte dun espírito romántico-nacional (estilo Kalevala). O simbolismo expresionista foi cultivado por Hugo Simberg (1873-1917). No eido da arquitectura, destaca o edificio do Parlamento, deseñado por J. S. Sirén (1889-1955). Gesellius, Lindgren e Eliel Saarinen (1873-1950), realizaron o pavillón finlandés da exposición internacional de París de 1900 e o Museo Nacional de Helsinqui. Cómpre destacar tamén a catedral de Tempre (1902-1907) de L. Spronck (1870-1956), e a Estación de Helsinqui (1906-1914) de E. Saarinen. Nas artes plásticas, Helene Schierfbeck (1862-1946) e Ellen Thesleff (1869-1954) cultivaron o postimpresionismo. Na Finlandia independente destacaron o escultor Wäinö Aaltonen (1894-1966) e o November Grup. No terreo da arquitectura sobresaíron Alvar Aalto (1898-1976), que traballou a madeira e o ladrillo, e Erik Bryggman (1891-1955), autor da capela do cemiterio de Turku (1936). Nos anos oitenta construíuse a cidade xardín de Tapiola. En canto á escultura e ao deseño destacaron Tapio Wirkkala (1915) e a sociedade Artek. Na década de 1990 comezaron a sobresaír Maaria Würkkala (1954), Eija-Liisa Ahtila (1959) e Esko Männikkö (1959).

  5. cine finlandés [IMAX]

    Arte cinematográfica producida en Finlandia. Nyrki Tapiovaara foi a primeira figura dunha certa importancia, malia ter unha carreira curta. Erik Blomberg, operador e realizador, converteu a súa muller, Mirjami Kuosmanen, na grande estrela do cine finlandés: Valkoinen peura (O reno branco, 1952). En 1956 o filme Tuntematon sotilas (O soldado descoñecido), de Edvin Laine, obtivo un premio no Festival Internacional de Cine de Cannes. Jörn Donner dirixiu e protagonizou Mustaa valkoisella (Negro sobre branco, 1967). Os mellores realizadores contemporáneos son Risto Jarva, autor de Työmiehen päiväkirja (Diario dun traballador, 1967), Rauni Mollberg, que dirixiu Maa on syntinen laulu (A terra é un canto de pecado, 1973) e o filme bélico Tuntematon sotilas (O soldado descoñecido, 1985), e Pekka Parikka, con Talvisota (A guerra de inverno, 1989). Nun terreo máis artístico cómpre destacar a Lauri Törhön con Palava Enkeli (O anxo queimado, 1984) e os irmáns Mika Käurismaki con Helsinki Napoli all Night Long (1987) e Aki Käurismaki con Hamlet Liikemaaimassa (Hamlet á oficina, 1987) e Leningrad Cowboys go America (1989). Outros directores destacados son Veikko Aaltonen con películas como The Prodigal Son (1992) ou Kiss me in the Rain (1999). Tamén cómpre mencionar a Raimo O. Niemi con Tommy and the Wildcat (1998) e a Auli Mantila, con Geography of Fear (2000).

  6. literatura finlandesa

    Nos ss XIX e XX editáronse os Vellos poemas do pobo finlandés e Contos e fábulas do pobo finlandés, pertencentes á tradición oral, pero xa a partir do s XV se imprimiron obras en latín (Missale Aboense, 1488). Cando Finlandia se separou de Suecia, a lingua de cultura era o sueco, e nos ss XVIII e XIX algúns autores que tiñan como lingua materna esta lingua escribían en finés, e no s XIX o nacionalismo reivindicou a lingua autóctona. A loita pola independencia política e lingüística contra Rusia, dirixida polo filósofo e político J. V. Snellman (1806-1881), coincidiu coa democratización do ensino e Finlandia chegou ao s XX con personalidade cultural e política propias. Na segunda metade do s XIX, Kivi puxo os alicerces do teatro nacional con Lea (1869), pero foron máis populares autores como Erkko, Cajander e Jännes. A principios do XX, Kramsu e, sobre todo, E. Leino deron un forte impulso á poesía, que xunto coas obras de Koskenniemi, Manninen, Larin-Kyösti, Onerva, Kouta, Siljo, Jalkanen, Pohjanpää e Hellaakoski formou un corpo homoxéneo. Despois de 1917, ano en que Finlandia acadou a independencia, os escritores suecos cultivaron unha literatura con predominio da poesía vangardista (E. Södergran, E. Diktonius, R. Enckell, G. Björling, H. Parland e H. Olsson). Entre os poetas de fins dos anos vinte salientan A. Hellaakoski, P. Mustapää, K. Sarkia e U. Kailas, que en 1924 fundou o movemento expresionista. No XX a prosa está representada por I. Kianto, J. Lehtonen, V. Kilpi, M. Lassila, F. E. Sillanpää (Premio Nobel 1939), A. Kallas, R. Schildt e M. Waltari. Da xeración posterior á Segunda Guerra Mundial e ás dúas guerras ruso-finlandesas destacan os poetas P. Haaviko e E. L. Manner, e os novelistas V. Linna, V. Meri, P. Rintala, T. Jansson e C. Kihlman. A partir dos anos sesenta renaceu a novela de carácter rural.

  7. música finlandesa

    A música primitiva finlandesa máis importante é a do ciclo do Kalevala, transmitida oralmente ata que se publicou entre 1908 e 1948. O instrumento autóctono máis difundido foi o kantele, parecido a un salterio. A música culta máis antiga (ss XI e XII) é de carácter relixioso. Os compositores nacionalistas inspiráronse na música popular, entre os que destaca J. Sibelius.