Fión, San Lourenzo de
Fión, San Lourenzo de
Igrexa parroquial situada no Saviñao. De construción románica, só conserva a ábsida de dous tramos: un rectangular, que se une á nave construída no s XVII, e outro semicircular dividido ao exterior en tres segmentos separados por catro semicolumnas pegadas, erixidas sobre plintos con garras, bases áticas e capiteis decorados. A bóveda da ábsida está cuberta con pinturas murais de finais do s XVI. Na casca absidal represéntase a Cristo como xuíz; no tramo recto hai escenas do xuízo e do martirio de san Lourenzo e unha representación do ceo estrelado co sol e a lúa.