Flensburg
Flensburg
Cidade e porto do land de Slesvig-Holstein, Alemaña, situado ao final do fiorde de Flensburg, no Mar Báltico (87.000 h [1990]). Nesta zona destaca a construción naval e mecánica e a industria de coiro, de produtos químicos e de instrumentos de óptica. Fundada no s XII ao pé da ruta comercial que une o Báltico con Centroeuropa, foi declarada cidade en 1284. Baixo a dominación danesa converteuse nun destacado porto comercial (s XVI) e desde a Guerra dos Trinta Anos (1618-1648) entrou en decadencia. No s XIX, Dinamarca e Alemaña disputáronse a súa soberanía e en 1920 pasou a Alemaña. Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas de San Nicolás e San Marien, os mercados de Nordertor e Schrangen, e a ponte da Kompanietor.