Florencia

Florencia
Nome científico: [ital: Firenze]

Capital da Toscana e da provincia de Florencia, Italia, situada nunha ampla chaira aluvial ao pé dos derradeiros contrafortes da cadea subapenina, na beira dereita do Arno (413.069 h [1991]). Importante centro artístico, cultural e turístico, conserva en rúas e pazos un carácter renacentista sobre un fondo medieval. O seu desenvolvemento moderno iniciouse durante a época na que detentou a capitalidade do Reino de Italia (1865-1870), pero foi desde 1900 en diante cando tivo un grande incremento. Na actualidade é un gran centro comercial e de servicios, onde a artesanía ocupa aínda unha posición importante dentro da actividade económica, e un núcleo industrial destacado. Fundada polos romanos no 59 a C co nome de Florentia, non tivo grande importancia ata a Idade Media, cando pasou a formar parte do marquesado de Toscana. Trala morte da condesa Matilde de Canossa (1115), consolidou a súa autonomía e converteuse nunha república gobernada por cónsules que pertencían á aristocracia e eran sostidos polo clero e o estamento mercantil. A República de Florencia foi abolida en 1532 e os Medici accederon ao poder co título de duques de Florencia. En 1569 converteuse na capital do Gran Ducado de Toscana que se integrou en 1861 no Reino de Italia. Do seu patrimonio cultural, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1982, destacan a igrexa de Santa Maria del Fiore (1296-1461), na que hai que salientar a cúpula de base octogonal construída por F. Brunelleschi (1420-1434), o campanario de Giotto e o baptisterio de San Giovanni (ss XI-XV), no que sobresae a porta do Paraíso construída por L. Ghiberti (1425-1452). No eido da arquitectura relixiosa destacan as igrexas de Santa Croce (ss XIII-XIV), con frescos de Giotto; Santa Maria Novella; San Miniato al Monte; o convento dominicano de San Marco, con pinturas de frei Angelico; e a igrexa de San Lorenzo, reconstruída por F. Brunelleschi (1421-1426) e completada coa Biblioteca Laurenziana, trazada por Michelangelo en 1524, a carón da que se sitúa a capela dos Medici, coas tumbas de Michelangelo (1520-1533). Da arquitectura civil destacan, entre outros, a Piazza della Signoria, o Ponte Vecchio, e os palacios Pitti, Rucellai, Medici-Ricardi e o Palazzo Vecchio; e entre as institucións culturais, a Galleria degli Uffizi, o museo do Palazzo Pitti, o Museo Nazionale do Bargello e a Galleria dell’Accademia, onde se conservan os Escravos e o David de Michelangelo. Florencia foi sempre un centro activo de vida musical e no s XIV foi núcleo da ars nova, e nos ss XVI e XVII foi sede da Camerata Fiorentina, que deu lugar ao nacemento da ópera. Nos ss XVII e XVIII continuou a ser un centro musical importante. Na actualidade celébrase anualmente o Maggio Musicale Fioretino, fundado en 1933.